Pontón urxe Feixoo a tomar en serio o rastrexo e detección do virus

Pontón urxe Feixoo a tomar en serio o rastrexo e detección do virus

“Seguimos ignorando como e quen realiza os rastrexos, e a Galiza está á cabeza do número de contaxios cuxa procedencia non se identifica", denuncia Ana Pontón.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ante os medios (Foto: Nós Diario)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ante os medios (Foto: Nós Diario)

Coa Galiza rexistrando récord diario de contaxios na segunda onda do virus e con máis de 5.000 casos activos, a portavoz nacional do BNG e xefa da oposición, Ana Pontón, manifestouse moi crítica co Goberno de Núñez Feixoo, ao que reprochou que manteña o país "sen protocolos claros, instalado na opacidade e sen reforzar a Atención Primaria".

A nacionalista cargou contra o PP pola falta de "transparencia" na transmisión de datos de contaxios e por estar "aproveitando" a crise "para avanzar en recortes disfrazados de telemedicina, afondando no deterioro da atención sanitaria".

Pontón puxo sobre a mesa propostas para "gañar eficacia na loita contra o virus" empezado por un "plan de rastrexo e detección precoz, co persoal necesario e suficiente dedicado en exclusiva á detección, identificación e seguimento, con equipas formadas e dotadas de protocolos claros". 

79% sen identificar

“Seguimos ignorando como e quen realiza os rastrexos, e a Galiza está á cabeza do número de contaxios cunha procedencia que non se identifica. Segundo os datos do Instituto de Saúde Carlos III e a Rede de Vixilancia Epidemiolóxica, 78,8% das persoas contaxiadas aquí non teñen un contacto coñecido, porcentaxe que é a máis alta do Estado”, denunciou Pontón. O Bloque  tamén pediu o reforzo da Atención Primaria cun investimento adicional e urxente de 200 millóns de euros. 

Ana Miranda leva a crise das residencias a Bruxelas

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, presentará unha denuncia na Comisión de Peticións da Eurocámara sobre a situación das residencias de maiores na Galiza. "As mortes poderíanse ter evitado con maior prevención e melloras nos centros”, denunciou ante a falta de recursos e as privatizacións.

Comentarios