Pontón urxe por carta a Feixoo unha reunión de líderes políticos

A portavoz nacional do BNG e líder da oposición, Ana Pontón, enviou unha carta ao presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feixoo, na que lle transmite a súa preocupación pola evolución da pandemia e, após defender que a loita contra o coronavirus debe estar "por riba das diferenzas políticas", urxe unha reunión de líderes para "abordar a situación epidemiolóxica" e tomar decisións.

Ana Pontón
photo_camera Ana Pontón, nunha imaxe de arquivo.

Da misiva informou após a Xunta de Portavoces que se reuniu para ordenar o debate do pleno de investidura da semana próxima a viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, e a propia Pontón difundiu a carta en redes sociais.

Nela, ademais de urxir este encontro de líderes, pon o foco en até cinco medidas que deberían porse xa en marcha, segundo o BNG, e entre as que figura a intervención pública das residencias de maiores privadas. "Despois do vivido, resulta inadmisíbel que se repitan contaxios masivos como os rexistrados nas residencias do Incio e Culleredo", recolle.

"É urxente que a Xunta blinde as residencias de maiores privadas a través dunha intervención pública garantindo o cumprimento real e efectivo das medidas de prevención e as condicións laborais, residenciais e asistenciais que deben rexer nelas", incide, e engade que a Xunta ten que "actuar con anticipación".

O BNG tamén pide "transparencia" sobre o número de rastrexadores -Rodil aludiu ao "baile de cifras" sobre os técnicos que asumen esta función-, e un plan de rastrexo e detección precoz, xa que ve "urxente" garantir o persoal necesario e suficiente" dedicado e "formado especificamente" para esta función.

Ensino, Atención Primaria e conciliación

Así mesmo, os nacionalistas, segundo grupo da Cámara, con 19 deputados, demandan un plan de reforzo e mellora urxente da Atención Primaria.

"É fundamental dotar a Atención Primaria dos recursos suficientes para enfrontar, coa máxima calidade asistencial e garantías, a nova situación e, para iso, é necesaria a aprobación dun plan dotado con 200 millóns de euros que permita reforzar e estabilizar os cadros de persoal, garantir a protección dos profesionais e minimizar os contaxios, coa dotación do material preciso así como recuperar progresivamente a actividade asistencial presencial con todas as garantías e a máxima calidade", concreta a carta.

Nela, Pontón tamén plasma a súa preocupación polo inicio do curso escolar e a necesidade de habilitar medidas de conciliación para os proxenitores no caso de que haxa brotes que obriguen a fechar determinadas aulas ou centros.

Finalmente, reitera unha proposta xa anunciada polo BNG: a necesidade de convocar unha Mesa para a reconstrución social e económica de Galicia.

O PP desbotaría a reunión

Preguntado acerca de se o PP ve necesaria esta reunión de líderes que pide o BNG, o portavoz parlamentario dos populares na Cámara, Pedro Puy, replicou que agora mesmo a Galiza está "a unha semana" do pleno no que Feixoo será investido presidente da Xunta por cuarta vez. Unha cita que arrincará a terza 1 de setembro ás 9.30 horas co discurso do líder popular.

Puy remarcou que esta cita xa permite "o diálogo" e contrapor propostas entre os líderes do tres formacións (PPdeG, BNG e PSdeG) con presenza no arco parlamentario galego. "Todo o que sexa compartir propostas e colaborar é positivo", remarcou.

Comentarios