Pontón urxe a Ábalos a aplicar a rebaixa de peaxes da AP-9

Na misiva, a dirixente nacionalista pide modernizar as conexións ferroviarias galegas.
Ana Pontón
photo_camera Ana Pontón

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, remitiu unha carta ao ministro de Transportes e Mobilidade, José Luís Ábalos, na que demanda que se adopten as medidas precisas para garantir a aplicación da rebaixa das peaxes da AP-9, aprobada a través do acordo entre o PSOE e a formación nacionalista, de maneira "inmediata e sen demoras". A maiores, require do seu departamento investimentos para mellorar as conexións ferroviarias do país.

A líder nacionalista solicita a "máxima axilidade" na tramitación do real decreto que faga efectiva a redución das tarifas que xa recollen os orzamentos do Estado cunha partida de 50 millóns de euros.

"O obxectivo é evitar demora algunha na posta en marcha dunha medida longamente reclamada e esperada na Galiza, que suporá un alivio nas economías dos traballadores e traballadoras", recolle a misiva.

Para Pontón a rebaixa permitirá "gañar competitividade ás empresas, en particular ás relacionadas co sector do transporte". 

Rede ferroviaria

A portavoz nacionalista referiuse na súa misiva á urxencia de mellorar a rede ferroviaria galega.

"Máis aló do debate sobre a chegada do AVE á provincia de Ourense e ao resto do territorio galego, que debe ser unha realidade no prazo máis breve posible, queremos chamar a súa atención sobre a importancia de modernizala", escribe a Ábalos.

Entre outras cuestións, Pontón fai referencia á adaptación do treito Coruña-Ferrol para completar o Eixo Atlántico; dar impulso á saída sur de Vigo para unha conexión competitiva con Portugal como defende o Goberno luso; mellorar a liña entre Ferrol e Ribadeo ou axilizar a modernización das conexións Ourense-Monforte-Lugo-Coruña-Ferrol e a vía entre Vigo e Ourense. 
 

Comentarios