Pontón tilda de "ofensa" que Feixoo pronunciase o discurso diante do tributo de Castelao a Bóveda

O discurso de Fin de Ano de Feixóo deste exercicio non foi criticado pola oposición só polo contido, mais tamén pola forma. A líder do BNG Ana Pontón tildou de "ofensa" que o presidente da Xunta escenificase a súa alocución co lenzo de Castelao "A derradeira leición do mestre" como pano de fondo. "Castelao e Bóveda foron dous nacionalistas e o discurso de Feixoo foi profundamente anti-nacionalista e españolista", dixo Pontón. Por súa parte, Luís Villares e Gonzalo Caballero criticaron a desconexión da realidade do titular do goberno galego.

feixoo
photo_camera Feixoo, durante o discurso

Era inevitábel que o emprego por parte de Feixoo da potencia simbólica do lenzo de Castelao resultase en críticas por parte do nacionalismo galego. Ana Pontón non dubidou en usar a palabra "ofensa" para se referir á posta en escena do discurso, co cadro homenaxe a Bóveda como representación icónica principal. A utilización de "A derradeira leición do mestre" poría en evidencia a falta de "escrúpulos" por parte de Feixoo e como o presidente da Xunta falta o respeito á memoria dos lideres do Partido Galeguista.

"Castelao e Bóveda eran dous nacionalistas e o discurso de Feixoo foi profundamente anti-nacionalista e españolista", dixo Pontón, para quen a peza retórica do presidente da Xunta —carregada de vituperios ao soberanismo— non é máis que un ataque ás ideas dos fundadores do PG.

Iso canto á forma do discurso. Canto ao seu fondo, Pontón descualificouno por ser unha nova mostra de que o xefe do executivo galego continúa a se revelar como o "presidente profeta da post-verdade", a pintar "unha Galiza onde todo vai de marabilla, sen mencionar o malestar e problemas que está a causar a súa política de submisión a Madrid, de recortes e de privatizacións".

Feixoo puxo o foco fóra do país e apenas falou dos problemas galegos, esténdese Pontón nas súas críticas. "Usa a presidencia da Xunta para facer partidismo cotroso, a repetir como un papagaio as consignas de Pablo Casado contra Catalunya e contra o nacionalismo", algo que, alegou, deixaría clara "a deriva de dereita extrema en que están o PP".

Villares ponlle carbón a Feixoo

Co seu discurso Feixoo fíxose merecente de receber "carbón" como regalo destas festas, avaliou Luís Villares, quen censurou o titular do goberno galego por na súa alocución dedicar "a metade do tempo" a falar de Catalunya e por, ao se referir a Galiza, "refregarnos pola cara que somos máis ricos que nunca".

"Onde está esa riqueza?", perguntouse Villares, quen a seguir enfatizou que "a maior parte da xente" na Galiza "non vive mellor" e nese sentido enumerou, entre outros fenómenos, as dificuldades que experimenta a maioría social para chegar a final de mes, a falta de persoal sanitario, os baixos salarios, a precariedade laboral, a emigración da xente moza, a fenda salarial entre homes e mulleres e as pensións.

Caballero critica que Feixoo falase do 155 e non da sanidade galega

Que Catalunya sexa unha especie de obsesión para Feixoo non lle pasou desapercibido a Gonzalo Caballero, quen reprobou que o presidente da Xunta se centrase "na posíbel aplicación do artigo 155 en Catalunya", ao tempo que esquecese falar dos "problemas da sanidade pública".

Para o secretario xeral do PSdeG, o discurso de Feixoo evidencia que "non ten ningún proxecto nin plantexamentos para Galiza", pois tería centrado a súa alocución no ámbito estatal mais do que no nacional galego.

Comentarios