Pontón solicita “un compromiso real” para “pór Ferrol no mapa”

O BNG comprométese “a dar a cara por” Ferrol
Imaxe de arquivo de Ana Pontón. (Foto: Europa Press) #anapontón #bng #ferrol
photo_camera Imaxe de arquivo de Ana Pontón. (Foto: Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, deu a coñecer esta sexta feira en Ferrol un paquete de 10 medidas centradas “na recuperación industrial, unha transición enerxética xusta e a rexeneración da ría” co obxectivo de “pór Ferrol no mapa”. A dirixente nacionalista, acompañada doutros responsábeis políticos da formación, anunciou o traslado destas propostas ás diferentes institucións e reclamou o “compromiso de todas as forzas políticas para sacar adiante un proxecto de futuro para esta comarca, compromiso político para defender o mesmo nos concellos, no Parlamento, no Congreso e ante a Unión Europea”.

Ferrolterra precisa política industrial, proxectos empresariais, recuperar a ría como sector produtivo básico e completar infraestruturas, pór en valor o patrimonio cultural e os valores naturais que son importantes para o futuro da comarca”, sinalou Pontón, quen se amosou convencida do potencial da zona para “pórse en pé desta crise e mirar con optimismo o futuro”.

Neste sentido, afirmou que “o compromiso do BNG é dar a cara por esta comarca en todos os foros, en todas as institucións, goberne quen goberne, aquí e en Madrid”.

A alternativa presentada polos nacionalistas defende a recuperación da construción naval na comarca, apostando por  un “complexo integral da construción naval, con diversificación e recuperación de actividades”. No mesmo plano da política industrial aposta por “unha transición enerxética xusta”, o “impulso e financiamento de proxectos industriais”, a vinculación da “a autorización de novos parques eólicos vinculada a proxectos industriais que xeren riqueza e emprego” e a constitución dun “centro de I+D+i nas Pontes”.

Pontón explicou a actitude das administracións en relación coa ría de Ferrol como exemplo de “falta de estratexia e compromiso político”, cifrou a caída da produción na ría en 10% na última década e defendeu “un mando único para a rexeneración da ría de Ferrol, para a coordinación de todas as administracións e iniciar de maneira urxente, un  estudo integral da súa situación”.

Na mesma liña, apostou polo “coidado do medio ambiente e espazos tan valiosos como as Fragas do Eume” e “a recuperación e posta en valor do patrimonio arqueolóxico e histórico, un cronograma para o uso público das antigas 
instalacións de defensa”.

“Trátase dun decálogo que imos defender en todas as institucións e que debe ser financiado con recursos económicos do Estado, da Xunta e dos fondos Next Generation”, aseverou Pontón, quen advertiu que “de nada valen os anuncios se dis unha cousa e a contraria en función de quen se sente na Moncloa”.

Comentarios