Pontón sitúa Vigo como un dos motores para o "cambio galego" o 28-M

A líder do BNG arroupoua candidatura liderada por Xabier P. Igrexas
Ana Pontón e Xabier P. Igrexas esta quinta feira en Vigo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón e Xabier P. Igrexas esta quinta feira en Vigo (Foto: Nós Diario).

A portavoz nacional, Ana Pontón, participou esta quinta feira na presentación do primeiro tramo da candidatura do BNG para alcaldía de Vigo, encabezada por Xabier P. Igrexas.  “Vigo é a primeira cidade de Galiza”, indicou Pontón, “e merece máis que unha confrontación inútil e partidista que só fai que a cidade perda oportunidades, que empeora a vida das viguesas e dos vigueses e que desaproveita o inmenso potencial que ten esta urbe”.

Fronte a isto, a líder do BNG declarou que “o próximo 28 de maio, os veciños e as veciñas de Vigo teñen a oportunidade de apostar polo proxecto de futuro que ofrece o BNG da man de Xabier Pérez Igrexas e o seu equipo porque, —recalcou—, sempre que o BNG foi determinante no Concello, a cidade avanzou”.

"A única alternativa"

 Pontón puxo de manifesto que “o BNG foi a única alternativa política nos últimos catro anos, cun traballo no que combinou a crítica con propostas, alternativas e solucións”.

Neste sentido engadiu que “Vigo precisa máis que nunca o proxecto do BNG, centrado en construír unha cidade para as persoas, con mellores servizos públicos, máis sustentable, con máis oportunidades e máis xustiza social”.

Pola súa parte, o candidato á Alcaldía de Vigo polo BNG, Xabier P. Igrexas explicou que “no BNG temos as ideas e as propostas, un proxecto sólido e solvente para volver poñer en marcha a cidade”, presentando unha candidatura potente e ambiciosa “cunha equipa plural, con perfís diversos, paritaria e renovada, con mulleres e homes, vigueses e viguesas comprometidas con esta cidade e con este país".

Primeiro tramo

Acompañan ao candidato á Alcaldía no primeiro tramo da candidatura Ana Martínez, Filipe Abalde, Elsa Quintas, Brais Ruanova, Carmela González, Manuel Caride, Olaia Chaves, Vitor Vaqueiro e María Pilar Rodríguez.

Comentarios