domingo 19/09/21

Pontón sinala a próxima asemblea do BNG como o "inicio dun novo ciclo"

O BNG inaugurou un novo curso político na Coruña. A súa portavoz nacional, Ana Pontón, sinalou na súa intervención que o partido debe afrontar o "reto" de converterse nun "actor decisivo na política galega",
Ana Pontón acompañada de Francisco Jorquera e Mercedes Queixas na Praza da Fariña da Coruña (Nós Diario)
Ana Pontón acompañada de Francisco Jorquera e Mercedes Queixas na Praza da Fariña da Coruña (Nós Diario)

A portavoz nacional de BNG, Ana Pontón inaugurou o novo curso político nun acto na Coruña onde, acompañada polo portavoz municipal Francisco Jorquera e a portavoz de Lingua e Cultura, Mercedes Queixas, destacou a "vocación de gobernar" do BNG, e non de "eterna oposición".

Pontón apuntou que a próxima asemblea nacional da formación do mes de novembro será o "inicio dun novo ciclo político" no BNG, no que o partido debe afrontar o "reto" de converterse nun "actor decisivo na política galega", mais non se pronunciou sobre o papel que xogará ela nesta "nova etapa".

"O próximo gran reto do BNG é a celebración da 17º asemblea nacional, que fecha un ciclo político que vai desde 2016 até hoxe, marcado pola resistencia, a reorganización e a consolidación do partido", indicou Pontón, que recalcou que este BNG é "o máis forte da súa historia", ao converterse na segunda forza política no Parlamento Galego, chegar ao Congreso das deputadas e, ademais, ter unha importante presenza municipal.

Co obxectivo de afrontar un novo tempo político, a portavoz nacional apelou á reflexión "colectiva e de calado" para "acertar" e sentar "unhas bases sólidas para enfrontar un obxectivo de magnitude como é presidir a Xunta".

"O peor que podemos facer é caer na rutina ou o inconformismo, agora o BNG está noutro ciclo. Ten que seguir reforzándose e ensanchar a súa base social, posto que sen ela calquera avance vai ter os pés de barro", asegurou Ana Pontón.

Con todo, a líder nacionalista non se pronunciou sobre o seu particular período de reflexión, previo á celebración da asemblea na que se decidirá quen segue á fronte da formación.

"Confío no BNG, nos seus simpatizantes e militantes. Partindo dos nosos principios, debemos tender a man á Galiza do 2021; non podemos perder de vista que o noso obxectivo debe ser darlle unha alternativa real ás miles de persoas que os gobernos do PP deixaron tiradas", defendeu Pontón.

"Estamos nunha situación diferente, con outros retos, e é un inmenso orgullo camiñar xunto a todos vós neste momento", concluíu emocionada a portavoz, que foi amplamente ovacionada polas persoas presentes no acto, que mesmo corearon 'presidenta'.

Apoio das compañeiras e dos compañeiros

Tanto Jorquera como Queixas, que interviñeron antes que a portavoz nacional, destacaron as "virtudes" de Ana Pontón como líder da formación nacionalista.

En palabras da portavoz de Cultura e Lingua da Coruña, Pontón representa a mirada de futuro, a capacidade de traballo e "a man honesta que sempre volve dar". "Ana ten a capacidade de emocionar e emocionarse co pobo galego; os ollos de Ana Pontón levan a Galiza na cabeza e no corazón".

Ademais, Mercedes Queixas defendeu o proxecto nacionalista para Galiza, que "sempre traballa no inconformismo". "O BNG, expansivo e innovador, cun proxecto imbricado na realidade propia do país, que conta coa ilusión e esperanza do pobo galego", remarcou Queixas.

Francisco Jorquera, pola súa banda, recoñeceu "entender" e "respectar" o proceso de reflexión que atravesa Pontón, "unha decisión honesta e xenerosa", posto que, como el mesmo sinalou, "en ocasións" tivo que asumir responsabilidades que non "ambicionaba" e sentiu "o peso e soidade" que levaban esas tarefas.

"Tamén por iso sabía dabondo que Ana tiña esas capacidades para liderar. Conseguiu que moitas persoas resintonizasen co BNG e outras empezasen a fixarse nel sen renunciar aos obxectivos do partido, cun discurso sereno e pegado á realidade, positivo e ilusionante, empático e inclusivo", remarcou o portavoz municipal na Coruña.

Con todo, Jorquera insistiu en que non lle cabe "a máis mínima dúbida" de que Ana Pontón é "a persona máis válida" para liderar un proxecto que "consolide ao BNG como actor político decisivo" e que impulse un "cambio" na presidencia da Xunta da Galiza; "o cambio é Ana", finalizou o nacionalista.

comentarios