BNG-NóS PRESENTA A LISTA POLA CORUñA

Pontón salienta que a candidatura do BNG vale duplo: para desaloxar Rajoy e para ter voz propia en Madrid

A portavoz do BNG, Ana Pontón, puxo en valor na mañá do sábado en Compostela que o voto ao BNG-Nós vale o duplo: desaloxar Rajoy e ter voz propia en Madrid. “O BNG é a opción que garante ambos os retos. Non hai por que escoller”, afirmou.

CANDIDATURA BNG PROVINCIA A CORUÑA 26X EN STGO4
photo_camera Ana Pontón, Carlos Callón e Goretti Sanmartín

A lista do BNG-Nós pola Coruña, encabezada por Carlos Callón no caso do Congreso, e por Xosé Luís Rivas “Mini” no caso do Senado, foi presentada na mañá deste sábado en Compostela nun acto no que a portavoz nacional, Ana Pontón, salientou o duplo valor da candidatura BNG-NÓS.

“Os galegos e as galegas non teñen que elixir entre desaloxar Mariano Rajoy da Moncloa ou recuperar voz propia en Madrid, porque o BNG é a opción que garante ambos retos. Non hai por que escoller, temos ese duplo valor e para iso presentámonos con toda a forza, con toda a convicción e con toda a ilusión”, apuntou Pontón.

A nacionalista salienta que “fronte ao fracaso das forzas estatais para dar unha alternativa ao inmobilismo do PP, a de BNG-NÓS é unha candidatura de futuro, que cree que Galiza ten posibilidades e moito que defender en Madrid, unha candidatura que quere coller da man a todas as persoas que perderon a esperanza”.

A dirixente do Bloque criticou as forzas estatais por ser “incapaces de se poñer de acordo” para presentar unha alternativa ao PP e por “deixar muda a Galiza no Congreso”. De aí que erixise o BNG como a forza que representa a voz dos galegos e galegas “sen dependencia das direccións de partidos estatais”.

Callón carga contra a lacazanería dos deputados e deputadas galegas

O número 1 pola Coruña, Carlos Callón, explicou que a do BNG-Nós “ é a candidatura do traballo por Galiza” fronte á “lacazanería dos cargos electos polas forzas estatais”. Cualificou de “auténtica vergoña” o traballo desenvolvido polos deputados e deputadas galegas na presente lexislatura.  

“Non é que sexan inútiles nin burras peideiras no PP, nin no PSOE, ni En Marea, nin en Cidadáns. Son ben avispados cando queren loitar polo cargo. Non traballan porque non teñen proxecto para Galiza e pareceron deputados e deputadas de Mósteles”,denunciou.

Callón explicou que o BNG “si ten proxecto para Galiza, e non estamos dispostos a que nos traten como unha colonia, nin imos asumir o si bwana Rajoy, si bwana Iglesias, si bwana Rivera, si bwana Sánchez. Somos rebeldes, e estes meses demostrouse con claridade que se o BNG non está, Galiza non está”.

Na presentación, o cabeza de lista ao Senado, Xosé Luís Rivas, Mini, puxo como aval o traballo de vinte anos do Bloque no Congreso. “É unha candidatura para conseguir quitar o pouso de tristura que ten moita da nosa cidadanía cando se lle mira aos ollos, ese pouso de desespero ten que saír dos ollos da nosa xente e para iso nos presentamos, con forza e ofrecendo ilusión”, concluíu.

Comentarios