Investidura de Rueda

Pontón, a Rueda: "Vostede é un presidente accidental; non convocan eleccións porque as perderían"

A líder da oposición e portavoz nacional do BNG acusa Rueda de "atacar e desprezar a lingua do país" nunha campaña electoral, a de 2009, que para Pontón foi "a máis sucia que se lembra".
Ana Pontón diríxise á tribuna de oradores do Parlamento galego, esta quinta feira, no pleno de investidura de Alfonso Rueda. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Ana Pontón diríxise á tribuna de oradores do Parlamento galego, esta quinta feira, no pleno de investidura de Alfonso Rueda. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou no debate de investidura de Alfonso Rueda á formación nacionalista "preparada para gobernar" para "dar a volta" á situación actual e, non en balde, anunciou as que serían as súas primeiras medidas "como presidenta" da Xunta, nun discurso no que se dirixiu directamente aos galegos: "O cambio galego está en marcha, empezou a conta atrás para un cambio de goberno na Xunta".

"Vostede, señor Rueda, non é máis que un presidente accidental, o primeiro que non foi elixido como tal polos galegos. E non convocan eleccións porque saben que as perderían", proclamou, antes de salientar que "vai chegar á Presidencia da Xunta de rebote, porque o seu xefe de filas considerou máis importante ser presidente do PP que ser presidente da Galiza; considerou máis importante ocupar a sede dun Partido Popular condenado por corrupción que ocuparse do Goberno da Galiza".

Pontón tamén se referiu no seu discurso ao "currículo" de Rueda, no que figura, dixo, "o ataque e o desprezo á lingua do país". "Aí estaba detrás da campaña electoral máis sucia que se lembra, convertido nun avanzado das fake news, abandeirado da política do 'todo vale' con tal de facerse co poder. Deixa claro cal é o seu listón ético", manifestou.

A líder da oposición, durante a súa intervención, presentouse como a "alternativa" a un goberno do PP, sendo ela "unha presidenta" que, no seu primeiro Consello de la Xunta, de lograr o goberno, aprobaría un paquete de medidas para "axudar a quen máis o necesita".

Entre esas medidas estarían unha suba das pensións non contributivas, mellorar a prestación da Risga, aumentar as axudas para gastos básicos de vivenda, baixar as peaxes das autoestradas e un paquete de axudas aos sectores máis afectados.

Ana Pontón, que apostou por unha "discriminación positiva en servizos" para o medio rural, con mención especial para as mulleres, puxo enriba da mesa "dous modelos": "O do PP, sen nada que ofrecer salvo resignación, rutina e autocompracencia, ou o modelo do BNG, cun proxecto solvente, ilusionante e desde a confianza para construír unha Galiza mellor".

"O vello ou o novo, o pasado ou o futuro, o PP ou o BNG", aseverou, expondo que estas "son as dúas alternativas que se confrontan neste debate, os dous modelos entre os que moi cedo escollerán os galegos", e nun discurso no que debullou unha sorte de programa electoral dun "goberno do BNG" baseado en dez eixos estratéxicos.

Comentarios