Pontón revélase como a política “mellor valorada” na Galiza e Feixoo aproba na enquisa do CIS

O 78% da poboación do país afirma que hoxe votaría á mesma opción política que o 12X. O 75% das 3.000 persoas consultadas polo Centro de Estudos Sociolóxicos aseguran que nunca apoiarían a VOX nas urnas.

EuropaPress_3315592_portavoz_nacional_bng_ana_ponton_entrevista_cadena_ser
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, sae reforzada dos últimos comicios. (Foto: Cadena Ser)

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, é na actualidade a política galega mellor valorada. Confírmao o Centro de Estudos Sociolóxicos (CIS) após realizar unha enquisa a 3.000 veciñas e veciños de 268 concellos do país.

Atendendo aos resultados da enquisa realizara entre o 8 e o 22 de setembro á poboación galega, Pontón adianta aos seus competidores en boa imaxe. A nacionalista consegue un 5,9 de nota media, seguida de Alberto Núñez Feixoo (PP) que, malia a súa posición de visibilidade na Xunta, quédase no 5,5 de nota. O secretario xeral do PsdeG, Gonzalo Caballero, suspende nas valoracións con un 4,3.

Entre as preguntas tamén se incluíu á da intención de voto, que o 78% das persoas non cambiarían se as eleccións ao Executivo galego foran hoxe. No 11% dos documentos cubertos indícase que hoxe preferirían a abstención ou a papeleta branca. Só un 4% cambiarían de opción.

De feito, o 60% da mostra advirte de que a campaña non afectou para nada ao que tiña pensado facer na súa cita coas urnas.

Entre as que dubidaron a última hora entre dúas candidaturas, predominan as indecisas entre o PsdeG e o BNG (19%); seguidas das que se atopaban entre Galiza En Común e o Bloque (14,8%), e daquelas que estudaban se ir co PP ou co PSdeG (8%).

Nos partidos que intentaban entrar no Parlamento, houbo un 4% de indecisión entre o Partido Popular e Ciudadanos e case o 2% das entrevistas dixeron que podían votar aos populares ou a VOX.

Porén, no 75% dos cuestionarios sae reflectida unha negativa absoluta a apoiar a esta última forza política, de crecente fama no Estado español.

Entre os argumentos para decantarse por un ou outro partido destacan a identificación cos valores (31%), a simpatía cara a ou o cabeza da lista (26%) e a crenza de que era a mellor candidatura para gobernar (18,5%).

A sombra do coronavirus

Segundo a mostra de referencia, o CIS indica que máis dun terzo das persoas que non acudiron aos colexios electorais explica a decisión “por motivos de saúde ou medo a contaxiarse polo coronavirus”.

O 30% das e dos enquisados acostuman a ir a votar pero este ano optaron por non facelo.

Comentarios