Pontón reta o PP de Ourense a apoiar a proposta do BNG para manter o paridoiro en Verín

Ana Pontón e representantes nacionalistas, entre elas, a deputada Noa Presas e o tenente de alcalde de Verín, Diego Lourenzo, visitaron esta quinta feira ás persoas que manteñen un feche no Hospital de Verín para reclamar que non se elimine o servizo de paridoiro. O líder de En Marea, Luís Villares, tamén participou nun acto de denuncia en Ourense sobre a situación en Verín. 
Ana Pontón, con Noa Presas e Diego Lourenzo, esta quinta feira en Verín. (BNG)
photo_camera Ana Pontón, con Noa Presas e Diego Lourenzo, esta quinta feira en Verín. (BNG)

A portavoz nacional do BNG retou a Xosé Manuel Baltar, presidente popular da Deputación de Ourense, e ás deputadas e deputados do PP de Ourense a que apoien a proposición non de lei que o BNG defenderá no vindeiro pleno contra a supresión do paridoiro de Verín.

“Estamos aquí para transmitirlles todo o apoio do BNG ás veciñas e aos veciños desta comarca e para dicirlles que non imos parar até que consigamos frear a decisión arbitraria de fechar o paridoiro neste hospital”, dixo Ana Pontón ás xornalistas durante a visita.

Pontón volveu pedir a Alberto Núñez Feixoo, o presidente da Xunta, que “reflexione” e non continúe a retallar servizos no rural, “porque neste caso o que está a facer é recortarlle servizos ás mulleres e as súas fillas e fillos”. Pontón lembrou o enfrontamento que mantivo onte, cuarta feira, no Parlamento con Feixoo e insistiu en que “quedou en evidencia a súa falta de argumentos e que o único que está facendo é agocharse detrás das profesionais”.

O BNG salienta que o propio xefe de xinecoloxía do Hospital de Verín destacou a eficacia do servizo de paridoiro, cuns resultados excelentes en termos de saúde para ás mulleres ao longo dos anos con 3.000 partos atendidos.

Esta quinta feira, ademais do BNG, outras formacións políticas centraron a súa atención no conflito que vive Verín, onde desde hai tres días parte do persoal e algunhas usuarias e usuarios manteñen un feche no centro en sinal de protesta. Luís Villares, o líder de En Marea, que xa acudira a manifestación do pasado sábado, denunciou a situación nun acto diante do Hospital de Ourense. Pola súa banda, o PSOE de Ourense tamén fixo públicas as súas críticas ao intento do PP, Democracia Ourensana e Ciudadanos de desmarcarse da decisión do Sergas.
 

Comentarios