Propón acabar coas portas xiratorias

Pontón responsabiliza o PP e a Ence das ameazas contra Da Silva

Diante das instalacións de Ence ao pé da ría de Pontevedra e rodeada de candidatas e cargos orgánicos e institucionais do Bloque da comarca, Ana Pontón acusou Feixoo de “amparar as prácticas mafiosas” da pasteira para “frear un BNG en remontada”.

FOTO DENUNCIA AMEAZAS ENCE 2
photo_camera [Imaxe: BNG] Lores, Pontón e Da Silva

A primeira das pintadas ameazantes contra Carme Da Silva apareceron o 24 de marzo na fachada do edificio onde vive, unha vez era público que a tenente de alcalde de Pontevedra sería número un do Bloque ao Congreso. A segunda apareceu esta semana, nun espazo público próximo á súa vivenda, unha vez iniciada a campaña. Para o BNG non hai dúbida: os responsábeis son o PP e Ence.

Así o sinalaba na mañá desta quinta feira diante da pasteira a portavoz nacional do Bloque, Ana Pontón, acompañada da propia Da Silva, do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e de candidatas e cargos orgánicos e institucionais do BNG na comarca. Para a nacionalista, trátase dun “escrache covarde” que ten como obxectivo “frear un BNG en remontada”. A propia Da Silva sinalara ao respecto esta semana que "as dereitas teñen claro que o inimigo político é o Bloque".

Pontón afirma que o PP e Ence queren evitar que “Galiza sexa decisiva no Estado da man dunha forza que conseguirá o trasladado de Ence fóra da ría”. Nesta liña, a dirixente nacionalista asegurou que “conseguiremos ser decisivos e ter voz no Congreso para pararlle os pés a Ence, para acabar coas portas xiratorias e para pararlle os pés a esas políticas mafiosas que está amparando e propiciando o PP na Galiza”.

A portavoz do BNG acusou Feixoo de ser cómplice, “non vimos nin unha soa condena, nin vimos que estivese alarmado polo acoso a unha candidata doutra forza política”. Porén, salientou que “non nos amedrentan nin van conseguir o seu obxectivo porque os galegos e as galegas van dar unha lección nas urnas desde esa corrente de simpatía cara o BNG”.

Contra Vox e Ciudadanos, BNG

En declaracións aos medios, Pontón explicou que o BNG dispútalle os escanos en Pontevedra e na Coruña a Vox e a Ciudadanos e apostar no Bloque, dixo, significará que na Galiza “non entre esa dereitona carca, machista e antigalega”.

A dirixente do BNG aproveitou a ocasión para trasladar parte das propostas das nacionalistas para acabar coa corrupción, entre elas, “acabar portas xiratorias” que “as empresas do Ibex usan para comprar ex políticos do PP, e tamén do PSOE, para os seus intereses”.

Neste sentido, lembrou que ex ministros e ex presidentes “como Aznar ou González” ostentaron ou ostentan cargos nos Consellos de Administracións de multinacionais como Ence, Endesa, Gas Natural ou Iberdrola. “Alguén pensa que se gastan millóns de euros en salarios a cambio de nada? É a cambio de favores que pagamos todas e todos”, concluíu.

Comentarios