Pontón reclama un plan de rescate para o sector turístico galego

O BNG urxe a pór en marcha un plan de rescate para o sector turístico e protocolos claros para a reapertura de negocios tras o desconfinamento. Ana Pontón tamén defende fomentar o turismo de proximidade e ampliar o período do Xacobeo até 2022 con maior presenza do tecido cultura e comercial galego.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Imaxe: Europa Press)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Imaxe: Europa Press)

A portavoz do BNG, Ana Pontón, reclamou a elaboración con urxencia “dun plan de rescate” do sector turístico galego e a posta en marcha “dunha estratexia de apoio” a través de campañas de promoción adaptadas ao desconfinamento para fomentar o turismo de proximidade ou interno.

A líder nacionalista reclamou estas actuacións ao Goberno galego logo de reuniuse por videoconferencia, nesta terza feira 5 de maio, con representantes do Cluster de Turismo de Galicia, entidade que agrupa a maioría das empresas deste sector. 

Pontón tamén insistiu na necesidade de “reformular” o Xacobeo, tanto nos contidos como no enfoque global, para dar maior cabida ao tecido cultural e comercial galego e, nesa liña, propuxo “ampliar o seu período até 2022”. 

Dentro das iniciativas demandas polo BNG está a posta en marcha dunha campaña de promoción do Camiño “como antítese do desconfinamento e  destinada a un modelo de turismo sostíbel asumíbel”.

Pontón volveu facer fincapé en que é preciso contar con todas as garantías sanitarias e económicas no desconfinamento, porque na situación actual moitos negocios “abrirán con perdas, con ingresos que non garanten cubrir nin sequera os gastos correntes, por iso son necesarias medidas de acompañamento", reivindicou Pontón. "Non se pode deixar caer o sector do turismo”, dixo. 

"O sector precisa iniciar a súa actividade e resulta imprescindíbel manter os expedientes de regularización temporal de emprego (ERTE) mentres se manteñan as medidas restritivas de acceso aos locais e non se normalice nin a mobilidade nin o consumo", considerou Pontón, que insistiu en que Xunta debe pór en marcha axudas directas ás e aos autónomos e “reformular a política de préstamos” para que a liquidez “inxectada” á banca chegue ás empresas e familias “sen abusos”.

Comentarios