Pontón reclama un plan de igualdade para as autónomas

O BNG defende a creación dunha Rede de Mulleres Profesionais.
ap
photo_camera Pontón e Sanmartín, no centro, reuníronse con autónomas.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, acompañada da portavoz nacionalista á Alcaldía de Compostela, Goretti Sanmartín, mantivo un encontro cun nutrido grupo de mulleres autónomas que desenvolven a súa actividade en diferentes sectores —comercio, hostalaría e servizos— coas que abordou a situación laboral específica do colectivo, especialmente afectado pola precariedade, a inestabilidade e a fenda salarial e polas dificultades á hora de conciliar. 

Por iso, a líder do BNG propuxo un plan de igualdade para as mulleres autónomas con medidas específicas que faciliten a conciliación familiar e profesional porque, "se ben é unha cuestión complexa para a maior parte das traballadoras, aínda o é máis para o colectivo de autónomas", argumentou a portavoz nacionalista.

O plan de igualdade para as mulleres autónomas que reclamou o BNG pon o foco na necesidade de aumentar o emprendemento. Nesa liña, apuntou á creación dunha Rede de Mulleres profesionais que lles achegue visibilidade e apoio.

Sanidade en Moaña

Após participar neste acto en Compostela, Pontón desprazouse até Moaña, onde se reuniu coa alcaldesa, Leticia Santos, para abordar a situación da Atención Primaria nun concello que leva 64 semanas consecutivas reclamando a reapertura do Punto de Atención Continuada (PAC). A portavoz nacionalista anunciou iniciativas no Parlamento para blindar o financiamento da Atención Primaria. "Cómpre mudar a situación provocada por catorce anos de recortes do PP e recuperar unha sistema sanitario público forte", indicou.

Candidatura en Carballo

A líder da oposición rematou a xornada de onte en Carballo, na presentación oficial do candidato á Alcaldía, Evencio Ferrero, ao que cualificou como "o mellor alcalde da historia de Carballo".

Comentarios