Pontón reclama medidas contra a "especulación" no cesto da compra

O BNG propón crear un observatorio de prezos.
bng
photo_camera Ana Pontón e Luis Searea, segunda e terceiro pola esquerda.

O agravamento do Índice de Prezos ao Consumo (IPC) leva ao BNG a reclamar medidas máis "contundentes" e "valentes" dos Gobernos galego e español. A portavoz nacional, Ana Pontón, subliña o "agravante" de que na Galiza o IPC volve subir por riba da media, e nun país "cos salarios e pensións máis baixas".

Pontón puxo o foco nos dous aspectos que máis "tiran" dos prezos: a enerxía e o cesto da compra. A respecto do primeiro, en febreiro o prezo da electricidade subiu de media aos  77 euros -57 de xaneiro— segundo a OCU. E no referente ao prezos da alimentación, a taxa interanual aumentou 16,5%, "subas que van directamente ao corazón das familias e das pequenas e medianas empresas", indicou Pontón.

O BNG reclamou novas medidas, "empezando por un novo modelo de regulación dos prezos da electricidade, acabando dunha vez por todas cos beneficios caídos do ceo e, desde a Galiza, temos o dereito a reivindicar algo básico: se producimos electricidade, se no último ano exportamos 40% da electricidade que producimos, temos dereito a que eses beneficios retornen ao País, e a mellor maneira é cunha tarifa eléctrica galega", argumentou.

En relación ao cesto da compra,  o BNG reclama un Observatorio de prezos que detecte a especulación nos alimentos e a combata. "É evidente que se está especulando e os Gobernos teñen que actuar para evitar esa especulación que afoga as familias, mentres os produtores non teñan ningún incremento de prezo dos seus produtos", indicou desde Ourense, onde asistiu a presentación das liñas do programa electoral ás municipais que o BNG presenta na cidade das Burgas.

"O BNG fará de Ourense un concello con espazos públicos de calidade, cultura e dinamismo económico", defendeu a portavoz nacional. O alcaldábel  nacionalista por Ourense, Luis Seara, Luís Seara presentou a candidatura como "un proxecto para dar un impulso a Ourense". 

Do mesmo modo a líder do BNG destacou a capacidade do equipo de Seara para construír un Ourense "orgulloso e capaz de aproveitar todo o seu enorme potencial".  "Temos un proxecto para abrir un tempo novo nesta cidade e por iso imos a por todas o 28M, con forza, coas ideas claras e con ilusión para traballar pola veciñanza desta cidade liderando o próximo goberno de Ourense", concluíu.

Comentarios