Pontón pide a comparecencia de Feixoo no Parlamento para explicar as medidas fronte a Covid-19

A portavoz nacional do BNG saúda un estado de alarma "máis descentralizado" pero critica que Sánchez pida unha prórroga de 6 meses e non de 15 días.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ante os medios (Foto: Nós Diario)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ante os medios (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, saudou este domingo que o novo estado de alarma sexa "máis descentralizado" que o anterior para conter a pandemia da COVID-19, pero criticou que o presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, pretenda pedir ao Congreso unha prórroga de seis meses en lugar de facelo cada 15 días.

"En circunstancias excepcionais é máis necesario que nunca o funcionamento normalizado da democracia e do poder Lexislativo, que debe estar a funcionar pero tamén verificando que todo se faga de maneira correcta", explicou, en declaracións aos medios.

A líder do Bloque expresou que a declaración este domingo do novo estado de alarma "deixa en evidencia que era posible" unha forma de xestionar "máis descentralizada", posto que esta vez serán os presidentes de cada terrtitorio as autoridades delegadas.

Neste contexto, Pontón, como líder da oposición galega, pediu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que compareza "de maneira urxente" no Parlamento de Galicia "nun pleno monográfico" para informar as medidas que adoptará ante a segunda onda. "O Parlamento debe achegar e colaborar para facer fronte a un virus que ameaza as nosas vidas e a nosa economía", engadiu Pontón.

Reforzar a Sanidade

E é que, segundo sinalou, o estado de alarma "por si só non soluciona os puntos máis febles da xestión da Covid-19", posto que continúa sendo "urxente" que "se reforce a sanidade pública, se incrementen os rastreadores, se fagan PCR masivas á poboación e se blinden as residencias de maiores".

Para Ana Pontón, "a saúde e a vida das persoas é o primeiro" tamén nesta segunda onda da pandemia que "sacode con forza" a Galicia e que "tanto sufrimento leva causado" no que respecta non só á saúde e aos falecementos, senón tamén "desde o punto de vista socioeconómico".

Finalmente, a portavoz nacional do BNG recoñeceu que veñen "tempos complexos e duros", pero mostrouse "convencida" de que os galegos e as galegas sairán adiante "porque somos un gran país e somos un pobo que lle planta cara á adversidade", sentenciou.

Comentarios