martes 26.05.2020
POLÍTICA

Pontón reclama unha campaña centrada no "debate de propostas" cuns medios públicos "imparciais"

A líder do BNG propón a realización dun "debate a doble volta" cos candidatos e candidatas á Presidencia da Xunta das forzas políticas máis representativas. Así mesmo, opta por enviar "un mailing único" con todas as papeletas xuntas. 
Ana Pontón na comparecencia desta terza feira (BNG).
Ana Pontón na comparecencia desta terza feira (BNG).

"Nada vai evitar abrir un tempo novo na Galiza que nos permita devolverlle a esperanza a todos os galegos e galegas", afirmou esta terza feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen salientou que os debates van ser protagonistas nesta campaña electoral. 

"Antes desta crise era urxente un cambio en chave de país, agora é máis necesario que nunca porque temos que reconstruír Galiza, e non pode facerse da man de vellas e fracasadas políticas que recortaron a sanidade, fixeron negocio coa atención das persoas maiores, precarizaron o emprego, provocaron a fuga de cerebros e non foron capaces de poñer a producir o enorme potencial que temos na Galiza", argumentou. 

Pontón avanzou que desde o BNG aportarán "novas ideas" para que o 12 de xullo o país "deixe atrás un Goberno absolutista e negativo" que en momentos de incerteza opta por "agocharse detrás do mando único e da pantalla da TVG"

"Debate a doble volta"

As nacionalistas apostan por unha campaña electoral "diferente" na que primará o "debate de propostas" para "devolverlle ás galegas a esperanza". "Sabemos que a reconstrución económica ten que ser a prioridade, e a nosa aposta é un grande acordo para levantar Galiza", asegurou. 

Neste sentido, Pontón incidiu en que debe ser a campaña "dos debates" cunha TVG "imparcial" que ofreza unha  cobertura informativa máis ampla. Así mesmo, reclamou pór fin "ao uso partidista do candidato do PP na TVG", un uso que cualificou de "obsceno e antidemocrático". 

Para iso, propuxo a realización dun "debate a doble volta" cos candidatos e candidatas á Presidencia da Xunta das forzas políticas máis representativas, ampliar os espazos de información electoral nos medios públicos, recuperar os debates de cabezas de lista provincias e ampliar as entrevistas tanto na Radio Galega como na TVG, con dúas entrevista a cada forza política. 

Eleccións con garantías

Por outra banda, desde o BNG trasladaron a opción de realizar "un mailing único" coa información electoral e as papeletas de todas as forzas políticas para que cheguen a todos os domicilios.

"Isto permitiría un aforro moi importante de recursos públicos que se poderían destinar a medidas de seguridade na campaña e á xornada electoral", sostivo Ana Pontón.

A líder nacionalista instou a Xunta a elaborar un "protocolo" e pór os medios que "garantan unha xornada electoral segura "para as persoas que estarán nas mesas e para as irán votar.

comentarios