Pontón reclama ao PP que apoie investigar a crise nas residencias

O BNG empraza Feixoo a cumprir "coa ética"
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa (Imaxe: Nós Diario)

"O drama das residencias da terceira idade pon o Parlamento ante a obriga ética e moral de investigar o que pasou para detectar erros, corrixilos e apostar por un novo modelo de coidados das persoas maiores que garanta o dereito a unha vellez digna", así se manifestou a portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG) e líder da oposición, Ana Pontón, en relación á negativa do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a que se investigue a xestión dos centros xeriátricos durante a crise do coronavirus.

 E é que esta terza feira, 22 de setembro, o pleno do Parlamento galego debate a proposta do Bloque para crear precisamente unha comisión de investigación, polo que Pontón xa quixo aproveitar para pedir o apoio do PP, emprazándoo a "deixar de lado os vetos". 

“Pido a Feixoo que non use as súas deputadas e deputados  como un rolo para impedir que se investigue a xestión das residencias de maiores, senón que acepte esta comisión, que reclaman as propias familias, como unha oportunidade para aprender dos erros e evitar repetilos, unha oportunidade para cambiar o modelo e facelo con profundidade”, salientou a nacionalista.

Ademais, Pontón  considerou que tamén sería unha oportunidade para que o xefe do Executivo "amosase con feitos o seu anunciado diálogo".

“Que demostre que a súa apelación ao diálogo non é un titular de prensa, senón que está disposto a empezar a lexislatura recollendo a petición que fan as familias das persoas falecidas en residencias plasmada na proposta do BNG desta comisión de investigación”, alegou Pontón, "tendo en conta que o propio PP recoñece a través dos ceses na Dirección Xeral de Maiores que algo se fixo mal", esgrimiu.

Comentarios