Pontón quere que a mocidade "rebelde" sexa motor do cambio

A candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, mantivo un encontro con medio cento de mozas e mozos en Vigo e convidou a xuventude a ser o “motor” do cambio galego cunha mobilización masiva nas urnas este 12-X.
 
Ana Pontón en Vigo, nun encontro coa mocidade (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón en Vigo, nun encontro coa mocidade (Imaxe: Nós Diario)

“Pido á mocidade que sexa o motor do cambio porque estou convencida de que se a xuventude inconformista e rebelde non se resigna a ver como lle rouban o seu futuro e se mobiliza nas urnas, imos ter un cambio galego e imos facer historia conseguindo que por primeira vez Galiza teña unha muller á fronte da Presidencia e que teña un Goberno liderado polo BNG que servirá para que a mocidade saia da precariedade e da emigración á que a conduciron as políticas do PP”, salientou a candidata do BNG, Ana Pontón, esta terza feira, 30 de xuño, en Vigo.

A líder do Bloque conversou sobre varias das medidas que para a xuventude inclúe o programa do BNG, como é a posta en marcha dun plan de emprego para a mocidade que conceda un papel especial á inserción laboral da xente moza nos sectores estratéxicos da economía, e permita tamén a renovación xeracional do capital humano neses sectores.

Esta proposta vén acompañada do "plan retorna" da xente moza, dedicado ás máis de 200.000 mozas e mozos que tiveron que emigrar, denunciou Pontón, e co obxectivo de que se o desexan poidan voltar á Galiza e vivir e traballar nela. 

O dereito ao traballo e que este sexa en condicións dignas, así como garantir o acceso á vivenda, foron outras das medidas comentadas, propondo Pontón un banco de vivenda pública para administrar e xestionar os inmóbeis baleiros. 

Comentarios