Pontón quere levar a toda Galiza o "modelo de éxito" dos concellos do BNG

Impulsará desde a Xunta unha axenda de loita contra a emerxencia climática imprescindíbel para combater pandemias como a COVID-19.

Cumio municipal do BNG este sábado en Compostela (Arxina).
photo_camera Cumio municipal do BNG este sábado en Compostela (Arxina).

A portavoz nacional do BNG, e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, aproveitou o cumio municipal da formación deste sábado para presumir das políticas de transformación e de vangarda que desenvolven os Gobernos nacionalistas locais, aos que definiu como "sinónimo do bo facer, dunha xestión eficaz e honesta ao servizo da veciñanza, e capaces de mellorar a vida das persoas en vilas e cidades".

Un "espello no que mirarse" e un "modelo de éxito" que Pontón quere trasladar ao conxunto do país liderando o Goberno galego a partir do 12 de xullo, de tal maneira "que as políticas municipais do BNG que hoxe son referentes a nivel internacional poidan aplicarse en toda a Galiza desde a Xunta".

"Estamos ante unha cita coas urnas na que podemos abrir un tempo novo que signifique un cambio de políticas", destacou Pontón, "e aproveitando a experiencia e a capacidade de xestión dos concellos do BNG, con políticas transformadoras recoñecidas e premiadas en todo o mundo, trasladar ese modelo de éxito a todo o país para facer de Galiza tamén un referente internacional nas políticas de coidado do medio ambiente, onde o espazo público estea a disposición das persoas, e converter as nosas vilas e cidades en espazos seguros".

O "aval" dos concellos do BNG

A candidata nacionalista puxo os Gobernos municipais da súa formación como "aval" de "experiencia" e "bo facer" para "enfrontar o reto de gobernar Galiza os próximos catro anos", tras insistir en que o cambio galego é posíbel se todas as persoas que queren "deixar atrás a decadencia de dez anos de Partido Popular" se mobilizan de forma masiva optando pola candidatura que representa.

"Vexo unha gran corrente de simpatía arredor do BNG e o cambio real é posíbel se nos mobilizamos toda as persoas que estamos fartas de ver como nos rouban o futuro, fartas dunha Galiza en branco e negro cando o que queremos é unha Galiza de cores vivas", recalcou.

Do local ao global para cambiar o mundo, manifestou Pontón, quen fixo fincapé en que esa forma de actuar dos Gobernos municipais nacionalistas "demostrou a súa eficacia ante situacións como a derivada da COVID-19, con políticas sustentábeis que poñen as persoas no centro".

"Os concellos do BNG veñen aplicando un modelo que entende o espazo público como un ben común que leva aparellado outros elementos como a calidade do aire, a xestión dos residuos ou a aposta pola saúde pública", sinalou, "modelos municipais que se adiantaron aos tempos que viñan e hoxe, despois da COVID-19, se tornan máis necesarios ca nunca para dar calidade de vida e seguridade no espazo público ás persoas".

Así, puxo como exemplo a Pontevedra. Carballo, Allariz e Tomiño, entre outras vilas e cidades, con modelos de "vangarda" que incorporan conceptos como a recuperación e democratización do espazo público, a redución de emisións, menos coches e máis persoas, a peonalización e calmado do tráfico, a importancia de moverse coa nosa propia enerxía, a redución e compostaxe dos residuos ou unha xestión ecolóxica e racional da auga.

"Unha presidenta muller e nacionalista"

"Con este modelo, os concellos do BNG adiantáronse dando prioridade á creación de vilas e cidades que apostan polo medio ambiente e como candidata á Presidencia o meu compromiso de impulsar unha axenda urbana que traslade a todo o país a nosa concepción das cidades, do espazo público, da preocupación polo cambio climático e por dar solucións adaptadas ao noso entorno", concluíu.

Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, destacou no encontro que tivo lugar en Compostela que o "modelo de éxito" do BNG nos concellos é a combinación "da confianza e do amor" no país "facendo políticas transformadoras" pese ao Goberno do PP, "que lonxe de axudar puxo paus nas rodas".

"O día 12 de xullo", subliñou, "temos a oportunidade de cambiar esta situación logrando que a nosa candidata sexa a presidenta da Galiza". Lores dedicou unhas afectivas palabras a Pontón, á que coñeceu cando estivo traballando como médico en Sarria, e trasladoulle todo o apoio dos concellos do BNG "para que na cita coas urnas, Galiza poida abrir un tempo novo liderado por unha presidenta muller e nacionalista".

Comentarios