Pontón propón reforzar a Atención Primaria, clave na desescalada

A dirixente nacionalista reclama un plan de reforzo dotado en 200 millóns de euros e a realización de tests masivos á poboación.
A voceira nacional do BNG Ana Pontón nunha comparecencia telemática (Imaxe: BNG).
photo_camera A voceira nacional do BNG Ana Pontón nunha comparecencia telemática (Imaxe: BNG).

A portavoz nacional do BNG, Anta Pontón, propón destinar 200 millóns de euros á Atención Primaria, o reparto de máscaras gratuítas e a realización de test masivos á cidadanía durante o proceso de desconfinamento.

Nunha comparecencia telemática, a dirixente nacionalista dirixiuse ao xefe do Executivo galego, o popular Alberto Núñez Feixoo, reclamándolle que asuma o papel que lle corresponde como presidente da Galiza.

“A fase de desconfinamento ten que ser segura e por iso, desde o BNG, reclamamos á Xunta que faga os deberes poñendo en marcha un protocolo de uso de máscaras que deben ser obrigatorias e distribuídas de xeito gratuíto entre a poboación; test suficientes para poder detectar o virus e un plan de rastrexo propio que evite novos focos de contaxio”, explicou.

Plan de reforzo de Atención Primaria

Pontón fixo referencia aos recortes do Executivo galego presidido por Núñez Feixoo na Atención Primaria  durante a pasada década. Lembrou que as súas profesionais son a porta do entrada ao sistema de saúde público e que a diminución dos presupostos nesta área “deteriorou a súa capacidade de actuación”.

Por iso, reclama un plan de reforzo da Atención Primaria dotado con 200 millóns de euros. “Para combater a pandemia, afrontar o desconfinamento e tamén os retos sanitarios que temos por diante”, salientou.  

A dirixente nacionalista insistiu na necesidade de “poñer a punto o sistema sanitario para poder afrontar con garantías o actual momento de pandemia e estar preparados e preparadas para as situacións futuras no ámbito sanitario”.

Comentarios