Pontón propón a redución de alugueres para autónomas e autónomos

O BNG pide medidas para salvar o colectivo de traballadoras e traballadores por conta propia.

Ana Pontón reuniuse con autónomas e autónomos.
photo_camera Ana Pontón reuniuse con autónomas e autónomos (Foto: Nós Diario)

A portavoz nacional do BNG e xefa da oposición na Galiza, Ana Pontón, mantivo esta sexta feira, 30 de outubro, un encontro con representantes das principais asociacións de traballadoras e traballadores autónomos, en que explicou as propostas que o BNG vai trasladar ao Parlamento "para salvar un colectivo vital para a economía e o emprego" e que ten soportado un maior impacto que no resto do Estado, en concreto, entre decembro e setembro máis de 1.500 persoas traballadoras por conta propia quedaron polo camiño, a maioría mulleres (0,7% do total, porcentaxe que case duplica a da media do Estado), resaltou a nacionalista. 

“E iso é só a punta do iceberg porque a caída do emprego entre este colectivo pode agudizarse nesta segunda onda da pandemia, pois moitas autónomas e autónomos teñen empregados ao seu cargo e se os seus negocios non sobreviven tamén veremos unha destrución de postos de traballo, en particular en dous sectores, como é o pequeno comercio e a hostalaría, onde hai que tomar medidas urxentes”, alegou a portavoz nacionalista.

Entre as medidas que pon sobre a mesa o BNG referiuse, en primeiro lugar, a un plan de axudas extraordinario e urxente para todas aquelas actividades que fechan ou que teñen unha redución moi importante como consecuencia dos gromos e das restricións; en segundo lugar, reclamou axudas directas para poder facer fronte aos gastos de alugueiro, mesmo contemplando unha redución de 50% no caso de alugamentos de locais de grandes propietarios.

E, tamén, ampliar os prazos de carencia tanto dos créditos da Xunta como do ICO, porque este colectivo vai ter unha caída de ingresos derivada dunha redución do consumo que lle dificultará facer fronte a este tipo de custos.

Igualmente, o Bloque pide que se prorroguen os ERTE e as axudas a nivel estatal porque "dará osíxeno" a moitas pemes e que a Xunta poña en marcha un plan de consumo no comercio de proximidade para minimizar o impacto da caída do consumo.

Comentarios