Pontón propón un grande acordo para a reactivación económica

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou onte en Vigo nun almorzo informativo no Círculo de Empresarios, encontro que aproveitou para propor un “grande acordo de país” para a reactivación económica e social da Galiza post COVID-19 que sume as forzas políticas, os axentes sociais e universidades cun Goberno galego que a propia Pontón aspira a liderar após o 12 de xullo. 
2020061721202311923
photo_camera 2020061721202312000

“Estamos nun momento de crise, nun momento decisivo que vai marcar o futuro e non podemos seguir cun país parado, porque iso implica seguir perdendo posicións”, salientou onte Ana Pontón ante o empresariado en Vigo.

“Galiza ten que decidir en que liga quere xogar e a chave ten que basearse na ciencia e na innovación, que será unha cuestión prioritaria dun Goberno do BNG", asegurou a líder nacionalista e candidata a presidir a Xunta. A ese respecto, Pontón tamén indicou as chaves da política de desenvolvemento que ten o Bloque: duplicar o investimento en I+D+i en catro anos, crear mecanismos para reter e captar talento e poder transferir o coñecemento ao tecido económico e social. Así, a nacionalista apostou pola creación do InnoGal, a semellanza do Ikerbasqué, a fundación vasca para a ciencia  promovida polo Goberno de Euskadi para contribuír ao desenvolvemento da investigación científica. 

No encontro co empresariado Pontón recalcou que non hai “solucións simples nin fáciles” para manter a actividade económica, o emprego e a xustiza social, mais destacou o seu compromiso de liderar un Goberno que actúe como un “catalizador positivo” do tecido produtivo.

“A riqueza do país xéraa o tecido empresarial e a clase traballadora e o Goberno ten que ser un catalizador. Precisamos un aparato produtivo eficaz para afrontar o reto dun mundo globalizado e nunha economía competitiva”, alegou. Igualmente, subliñou o seu convencemento de que as empresas “deben estar en igualdade de competir, principio que se altera se teñen un trato preferente por parte da Administración ou cando se aplican condicións laborais precarias e de baixos salarios”.

“Hai que ter en conta a capacidade real do Goberno que no caso da Galiza ten competencias limitadas no ámbito económico polo Estado e a UE, mais non se impide, dentro do actual marco competencial, utilizar a capacidade de incidencia en cuestións como as infraestruturas, solo empresarial e planificación para facilitar a actividade económica e a xeración de emprego.

Comentarios