As chaves de Pontón: axenda social, plan de reactivación económica e defender Galiza

A líder do BNG márcase tres prioridades para a lexislatura que comeza: a reactivación económica do país, a defensa da Galiza ante o Estado e a Unión Europea e o artellamento dunha axenda social. Na súa intervención amosou a súa “vergoña” ante un Feixoo ao que criticou por "usar unha morte como unha cifra máis para compararse cunha media".

A líder do BNG, Ana Pontón, no Parlamento galego no pleno de investidura
photo_camera A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, no Parlamento galego na xornada de investidura.

A voceira nacional do BNG, Ana Pontón, amosou hoxe o “compromiso total” do nacionalismo con todas e todos os galegos con independencia do seu voto e descartou que as políticas “vellas e caducas” dos populares axuden a superar a crise sanitaria e, en consecuencia, social e económica.

Así o manifestou ao longo do seu discurso no pleno de investidura de Alberto Núñez Feixoo como presidente da Xunta (grazas á maioría absoluta do PP nos comicios), no que incidiu en que as e os nacionalistas estarán especialmente atentos aos colectivos “máis afectados por esta crise”.

Pontón, que comezou falando da Covid-19 e das “duras consecuencias” dunha pandemia que deixou moitos falecementos e a “perda de miles de empregos” no país, asegurou que a mellor homenaxe que se lle pode facer ás vítimas “é defendendo a sanidade pública”.

Tamén aludiu á necesidade de rematar co “negocio” que se fai “co dereito a unha vellez digna” e traballar nunha “reestruturación” do sistema.

"Vergoña" ante o discurso popular

“Señor Feijóo póñase na pel dun galego que sufriu a perda dun familiar nunha residencia. Tras non poder velo, tras non poder acudir ao seu enterro nin compartir a dor cos seus seres queridos, escoita que o seu presidente usa esa morte como unha cifra máis para compararse coa media”, espetou a representante do principal grupo da oposición.

E continuou sendo moi crítica: “Dixo literalmente que tivemos ‘menos mortalidade en residencias que no conxunto de España’. Foi un dos momentos máis vergoñentos que eu vivín como deputada neste Parlamento”.

Precisamente coa mirada posta nos colectivos máis castigados, Pontón marcou como unha das súas prioridades para os próximos catro anos conseguir artellar unha axenda social. “De verdade pensa que se poden enfrontar as consecuencias económicas e sociais da pandemia coas mesmas promesas de sempre e con receitas vellas e caducas”, interrogou a Feixoo, mais con certo carácter de pregunta retórica.

Promesas incumpridas

De feito, outra das liñas mestras para a nacionalista é a reactivación económica, que confrontou coas promesas destes catro anos pasados que non chegaron a bo porto. Así, falou, por exemplo, do compromiso do Partido Popular para “captar talento” do exterior ou para conseguir emprego para Galiza da man de Pemex.

En total enumerou 21 compromisos que quedaron no caixón. “Prometeu, prometeu, prometeu... De verdade non lle da apuro ver como a súa palabra non ten ningún valor?”, lanzou á bancada de Feixoo.

Entre as súas iniciativas para avanzar está o cambio do “modelo enerxético e do papel da Galiza” neste sentido dentro do Estado. O terceiro eixo no que marcou a meta foi defender Galiza ante outras Administracións e en escenarios exteriores.

“O futuro pasa pola ciencia e a innovación”, engadiu con gran convencemento, e subliñou que “un líder anticípase” aos problemas. “A prioridade debe ser a defensa da Galiza e dos seus intereses”, abundou, lamentando os “11 anos de submisión a Rajoy e a confrontación estéril” posterior, dos gobernos autonómicos do PP.

Malia todos estas reivindicacións, Pontón asegurou que a súa vai ser “unha oposición crítica pero construtiva”. Vai estar “coa man tendida” para chegar a grandes acordos porque “son tempos de sumar”.

Autogoberno e lingua

A voceira nacional do BNG non esqueceu sacar o seu “orgullo” pola sentenza do Pazo de Meirás e a implicación no proceso de loita dalgunhas e algúns compañeiros. Tamén reclamou que a CRTVG non se use “para propaganda” e que se pelexe por maior autogoberno e competencias como a xestión do imposto de sociedades.

Mentres era moi aplaudida polo seu equipo, solicitou “moderación” na cuestión lingüística e que se acabe co “uso de fórmulas antidemocráticas e corruptas como é mercar vontades porque non se acepta o que vota a cidadanía”. Así deixou un recado sobre as mocións de censura en Castrelo do Miño e Viana do Bolo.

Comentarios