Pontón pide á Xunta Electoral que poña fin ao uso "propagandístico" da TVG por Feixoo

A portavoz do BNG reivindica que se celebren dous debates, en horario de máxima audiencia
Ana Pontón
photo_camera Ana Pontón

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, instou este domingo a Xunta Electoral da Galiza a emprender accións para evitar que o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feixoo, poida seguir utilizando os medios públicos como “canle propagandística cun mitin diario de precampaña”.

Ao seu xuízo, a intervención sería unha forma de ofrecer “garantías democráticas” aos comicios que afronta a Galiza o próximo 12 de xullo, unha cita para a que pide ademais as debidas “garantías sanitarias”.

Pontón fixo fincapé tamén no dereito ao voto por correo e no desenvolvemento correcto do propio proceso electoral. “Non nos dá ningunha seguridade nin tranquilidade o que poida facer un Partido Popular experto en artimañas e malas prácticas”, afirmou.

"Desconfinar" a TVG

Dentro das reclamadas garantías democráticas considera necesario “desconfinar” os medios públicos galegos e que a información sexa plural e ecuánime. Nesta liña, pide que se celebren dous debates, en horario de máxima audiencia, e unha cobertura plural nos espazos informativos, de opinión e tertulias.

Pontón pide que se celebren dous debates, en horario de máxima audiencia

A nacionalista criticou que a pandemia foi a coartada perfecta para xustificar a “presenza abafante de Feixoo na TVG a unha media de catro horas semanais e co desfile de conselleiros, conselleiras e cargos do PP de Galiza e o Estado”.

Desde a declaración do estado de alarma, o pasado 14 marzo, até o comezo desta semana, 18 de maio, Feixoo compareceu 31 veces en directo na televisión pública en horario de máxima audiencia, un total de 1.634 minutos. Tendo en conta que a duración media das novas do BNG son de 30 segundos, explica Pontón, “o Bloque necesitaría 4,5 anos para conseguir esta cota de pantalla”.

Comentarios