Pontón pide trasladar todas as contaxiadas en residencias a hospitais

O BNG exixe á Xunta que rectifique a xestión nas residencias e que traslade a centros hospitalarios todas as persoas maiores contaxiadas por coronavirus.
 
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Imaxe Nós Diario)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Imaxe: Nós Diario)

Ante a situación causada pola extensión do coronavirus en residencias de maiores da Galiza, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, pediu ao Goberno galego que rectifique con urxencia a súa xestión da crise en centros da terceira idade e que traslade a hospitais todas as persoas maiores usuarias de residencias que estean contaxiadas pola COVID-19, “porque existe capacidade para facelo e porque ese traslado supón unha mellor atención sanitaria”, considerou a líder nacionalista este domingo, 19 de abril.

Pontón aludiu á necesidade dos traslados a hospitais “porque en moitas residencias non é posíbel darlles a atención necesaria e, por tanto, é imprescindíbel que se axilicen as derivacións cara aos hospitais coa finalidade de garantir unha atención digna para as persoas maiores do noso país”, explicou.

Pontón foi moi crítica co que considera unha xestión “neglixente” por parte do Executivo do PP nas residencias “con consecuencias fatais” e acusou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, “de mirar para outro lado pese a coñecer a situación de precariedade en moitos destes centros”.

“A Xunta sabía da situación de moitas das residencias porque así o denunciou o Consello de Contas nun informe pero, en lugar de actuar, a Xunta mirou para outro lado, e moito nos tememos que a reacción tardía e confusa que tivo nas residencias esconda eses vínculos entre o PP e os xestores desas residencias, antepoñendo os intereses das empresas privadas que xestionan eses centros por riba do interese xeral e das persoas residentes”, denunciou Pontón.

No contexto de crise e con os antecedentes denunciados no informe do Consello de Contas, a dirixente insta a Feixoo a dar explicacións no Parlamento pola súa xestión nas residencias.

“Que máis ten que pasar para que o presidente da Xunta compareza no Parlamento para dar explicación sobre a xestión da crise do coronavirus nas residencias de maiores, moitas das cales soportaron e soportan unha situación crítica e dramática onde a Xunta non estivo á altura das circunstancias coas consecuencias por todas coñecidas”, dixo.

Pontón urxiu Feixoo a dar explicacións, “máxime cando a Fiscalía Superior da Galiza ten en marcha unha investigación ante unha xestión neglixente e que puxo en risco a vida das persoas internadas”.

“Nunha crise destas característica non se pode fuxir do control, do contraste e das críticas, nin das propostas que temos que facer as forzas políticas porque a sociedade galega precisa ver un Parlamento actuando e traballando e arrimando o ombro para saír desta grave crise”, concluíu.

Comentarios