As consecuencias do temporal

Pontón pide sancións para Fenosa e indemnizacións para as persoas afectadas

"Non chega con que Gas Natural Fenosa poña anuncios de desculpa, ten de ser sancionada e as persoas afectadas, indemnizadas", afirmou a portavoz nacional do BNG esta quinta feira após protagonizar un acto simbólico perante a sede da eléctrica en Compostela.

"Fenosa crese a raíña do mambo, vímolo estes días en que millóns de galegos e galegas aturaron cortes de luz de até cinco días e iso non é consecuencia do temporal, senón do feito de que non cumpre a lei que obriga a ter as liñas en bon estado", denunciou Ana Pontón. A líder da formación soberanista denuncia que a compañía cobra dúas veces: "Unha através dun imposto que vai na factura para o mantemento das infraestruturas e outra a través das subvencións que recibe das administracións públicas".

O BNG demanda que se impoñan "sancións exemplares" a Gas Natural Fenosa polo que reputan como "neglixente xestión". Para Ana Pontón, a Xunta ten responsabilidades directas na materia e non abonda con se limitar a lle abrir un expediente á empresa: "Feijóo cando estaba na oposición reclamaba axudas e agora que está no goberno deixa a xente tirada".

A alternativa do BNG para o sector eléctrico lembrouna neste acto Ana Pontón: unha tarifa eléctrica galega que teña en conta a condición da Galiza como país produtor excedentario e baixar o IVE da luz de 21 a 4 por cento por ser un servizo de primeira necesidade para as populacións. A estas medidas cumpría engadir tamén unha decidida aposta nas enerxías renovábeis e no autoconsumo, alternativas estas que están a ser "penalizadas" polo goberno do Estado español.

Comentarios