Pontón pide que a riqueza eléctrica redunde na Galiza

Denuncia o impacto da suba da luz na industria.
Ana Pontón, na feira da industria do metal organizada por ASIME. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón, na feira da industria do metal organizada por ASIME. (Foto: Nós Diario)

A suba da factura eléctrica "impacta nas empresas galegas lastrando a súa competitividade e pondo en risco miles de postos de traballo nunha Galiza rica en electricidade", denunciou onte a líder do BNG, Ana Pontón, nunha visita á feira do sector industrial organizada pola Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías (ASIME) en Vigo.

"O prezo do megavatio hora é de 188 euros cando hai un ano era de 43 euros e isto afecta as familias mais tamén as empresas", expuxo. Ante isto, avogou porque a riqueza eléctrica da Galiza sirva para impulsar o seu desenvolvemento económico.

Para iso marcou necesario ter unha tarifa eléctrica galega diferenciada e instou o PP e o PSOE a que "expliquen por que se unen para votar a favor do lobby eléctrico e en contra dunha medida que beneficia o país", dixo en referencia ao voto contrario de socialistas e populares contra a medida por unha tarifa eléctrica galega que antonte presentou o BNG no Parlamento. Pontón tamén reclamou unha empresa pública de enerxía que asuma as concesións hidroeléctricas a medida que vaian caducando e que "permita competir co oligopolio". Igualmente, propuxo crear un centro de almacenamento de enerxía.

40% da poboación, sen cita presencial na Primaria

De "enganoso" cualificou Pontón o anuncio de Núñez Feixoo sobre a reapertura da posibilidade de solicitar cita presencial en Atención Primaria.

Para Pontón, Feixoo  "deu a entender que se recuperaba a normalidade na Primaria cando en realidade 40% das galegas e galegos non van ter acceso a unha cita presencial aínda que a soliciten". E iso "no mellor dos casos", apostilou sinalando que a Xunta cifra como obxectivo máximo 60% de presencialidade nas consultas. Pontón reclamou o dereito á consulta médica presencial nos centros de saúde a todas as persoas que o soliciten.

Ante o feche de sucursais

En Zas, concello afectado polo fechamento de sucursais bancarias, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou ao Goberno estatal que interveña para evitar o cerre de oficinas no rural. Rego anunciou o rexistro de iniciativas na Cámara para que se estabeleza unha nova regulación que poña fin ao proceso de concentración bancaria, aos abusos e comisións e á clausura ao de sucursais no rural.

Comentarios