Pontón pide ás mulleres levar a rebeldía feminista ás urnas

"Orgullo", afirmou sentir a candidata do BNG á Presidencia da Xunta da Galiza, Ana Pontón, pola forza do feminismo galego que voltou a manifestarse masivamente o 8-M, e instou ás mulleres que encheron as rúas a trasladaren a súa loita ás urnas "para facer posíbel o cambio real da man do BNG". Nese sentido, Pontón sinalou
Ana Ponto, Mercedes Quixas e Rosana Pérez, no centro (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera Ana Ponto, Mercedes Quixas e Rosana Pérez, no centro (Imaxe: Nós Diario)

Ana Pontón, candidata do BNG á Presidencia da Xunta, sinalou como "irrenunciábel" a consecución dunha "sociedade de mulleres libres e iguais", e amosouse convencida de que "esa rebeldía, loita, e dignidade se expresará alto e claro nas urnas o próximo 5-A".

A líder nacionalista afirmou que as mulleres apostarán "por un cambio galego cun Goberno que vai pór no centro as políticas de igualdade e de defensa dos dereitos", ao tempo que sinalou que esa alternativa é a que representa o BNG.

"É tempo de mulleres, de avanzar e de plantar cara aos discursos negacionistas da extrema dereita aliada de Goberno do PP", sinalou Pontón, apelando a non dar "nin un paso atrás" ante discursos machistas e antigalegos da ultradereita "coa que Feixóo non dubidaría en aliarse para gobernar a Galiza se for necesario", alertou.

"Por unha vez, teño que dar a razón a Feixoo cando advirte dun BNG presidindo o Goberno a partir do 5-A", ironizou Pontón, "porque ese é o noso obxectivo: liderar o cambio galego, abrir un tempo novo, facer historia e que por primeira vez unha muller, nacionalista presida a Xunta de Galiza", dixo.

A líder do Bloque fixo estas declaracións na presentación da candidatura nacionalista na Coruña, que encabeza ela mesma, seguida do actual deputado Xosé Luís Rivas, 'Mini'; a escritora e profesora Mercedes Queixas, a ex deputada no Congreso Rosa Pérez. Na lista tamén figura o investigador Carlos Babio sobre o espolio do Pazo de Meirás pola familia Franco.

En relación ás advertencias sobre a ultradereita, Pontón quixo salientar de Babio que é "un home que planta cara ao neofascismo da familia Franco, exemplo de dignidade e a valentía". No acto expuxéronse liñas chaves do BNG para territorios da circunscrición da Coruña como a rexeneración das rías do Burgo e de Ferrol, o impulso dun plan de reindustrialización, garantir unha tarifa eléctrica galega que abarate o custo da luz, crear un servizo ferroviario galego e un plan específico para a Atención Primaria.

Comentarios