"O país padece un déficit de representación"

Pontón pide que Galiza estea presente no debate da reforma eleitoral

A líder do BNG fala de "idilio rechamante" entre Podemos e Cs, polas súas conversas bilaterais para reformar a LOREX. Coa actual lei Galiza ten un "déficit de representación". O pacto de Podemos e Cs non melloraría as cousas ao non variar a atribución de escanos por territorios, entende o BNG. Galiza, con 2,7 millóns de habitantes, ten 23 representantes no Congreso. Castela-León, con 2,4 millóns, envía 31 parlamentares á cámara baixa do Parlamento español.

DSC_0532
photo_camera Ana Pontón

A proposta de reforma eleitoral en que traballan Podemos e Ciudanos -e que en termos de ganancias de escanos favorece máis o partido laranxa do que o morado- non é a que precisa Galiza porque non resolve un problema estrutural da LOREX, o déficit de representación da Galiza no Congreso dos Deputados, veu dicer esta cuarta feira a líder nacionalista.

Nese sentido, Pontón alegou que Galiza, con 2,7 millóns de habitantes, elixe 23 representantes no Congreso, en tanto que Castela-León, con 2,4 millóns, está presente na cámara baixa con 31 parlamentares. Iso é así porque Castela-León ten 9 distritos eleitorais (9 provincias), en tanto que na Galiza só hai 4. É certo que para eliminar a provincia como circunscrición habería que modificar a Constitución -operación imposíbel dado o veto do PP-, mais o que si se podería facer é reducir o mínimo provincial (2 parlamentares por distrito) que existe na LOREX e deixalo en só 1, algo polo que non se aposta nas propostas que manexan neste momento Cs e Podemos.

O mínimo provincial é un factor que distorsiona calquera reforma eleitoral nun sentido proporcional, pois é o que fai que, por exemplo, a provincia de Soria elixa 2 parlamentares cando ten menos populación que Santiago de Compostela. No caso das eleccións ao Parlamento da Galiza, 40 dos 75 escanos corresponden ao limiar mínimo de representación por provincia (10 por cada distrito), o cal só deixaría 35 asentos para unha distribución proporcional ao número de votos obtidos.

Para eliminar a provincia como circunscrición habería que modificar a Constitución -operación imposíbel dado o veto do PP-, mais o que si se podería facer é reducir o mínimo provincial (2 parlamentares por distrito) e deixalo en só 1,


O BNG outórgalle unha grande trascendencia a este asunto e nese sentido prepara unha ofensiva política. O primeiro acto foi esta propia cuarta feira, cunha conferencia de imprensa de Ana Pontón. A seguir o Bloque levará a súa proposta de reforma ao debate no Pazo do Hórreo. 

Os pontos programáticos básicos que defende o BNG son o estabelecimento da circunscrición eleitoral única e non a provincial (embora este asunto só se poderia sustanciar cunha alteración da Carta Magna), o reparto de escanos en función do censo eleitoral, a eliminación do limiar mínimo para obter representación (3 por cento no Estado, 5 por cento na Galiza), a estensión de voto aos 16 anos, a obrigatoriedade das listas cremalleira e a substitución da Lei D'Hont polo sistema de cota Haré, o máis proporcional de todos cantos existen.

 
“Non pode formularse unha reforma en base a un cálculo partidista como fan, nun idilio rechamante, Podemos e Ciudadanos”, dixo Ana Pontón, para quen “nese enfoquen coinciden o novo e o vello bipartidismo”. Galiza precisa unha lei eleitoral que garanta unha maior correspondencia entre a súa representación e o seu censo eleitoral. Segundo as estimacións dos técnicos eleitorais do BNG, de se tomar o número de persoas con direito a voto como baremo, a representación galega no Congreso pasaría a ser de 25 parlamentares (2 máis do que na actualidade).
 

Comentarios