Ana Pontón e Néstor Rego denunciaron a crise industrial que sofre Galiza, cun dos seus epicentros nesta comarca tradicionalmente maltratada polas sucesivas reconversións do PP-PSOE ao longo da últimas décadas.
Unha crise industrial que azouta o país de norte a sur, afectando a comarcas enteiras desde A Mariña a Coruña, pasando pola Costa da Morte ou Vigo, con 6.000 postos de traballo directos en xogo, ante o desprezo das forzas estatais que, avanzou, volverá quedar en evidencia no debate electoral.
“Sabemos que ningunha destas cuestións vai aparecer no debate televisivo desta noite [TVE e Atresmedia] que nos vai deixar a foto fixa na que veremos os candidatos ignorando os problemas de Galiza porque non teñen compromiso con este país. Temos que cambiar ese guión e o 10-N os galegos e as galegas podemos facernos valer da man do BNG”, subliñou a líder nacionalista desde Ferrol.
Os indicadores dan conta da desertización industrial que avanza polo país. Desde un índice de produción industrial “en caída libre”, á perda de emprego industrial de tal xeito que, a día de hoxe, hai menos traballadores que fai dez anos neste sector, “evidenciando como a crise deteriorou os sectores produtivos e económicos do país”. E, finalmente, avisando da progresiva desaparición de empresas e nos 6.000 postos directos en traballo en risco en Endesa, Alcoa ou sector naval.
Pontón comprometeu que o Bloque usará a súa forza en Madrid para defender a construción naval civil, e propón para Ferrol un centro tecnolóxico do naval “que aproveite todas a sinerxías entre empresas e universidade para facer aquí un polo de desenvolvemento apostando pola innovación e a investigación, porque construír barcos é moito máis que cortar chapa”.