Pontón pide a Feixoo "non ir a rebufo" de Euskadi na convocatoria electoral

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, chamou esta sexta feira a convocar as eleccións galegas  "cando existan todas as garantías sanitarias, nin un minuto antes, nin un minuto despois", após a posibilidade de que os comicios vascos se convoquen para o mes de xullo.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón (Imaxe Nós Diario)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

Pontón emprazou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a "non ir a rebufo" do lehendakari, Iñigo Urkullu, quen baralla o mes de xullo para a celebración dos comicios, perante a previsión dun rebrote da COVID-19 no outono, cando finalizaría definitivamente a lexislatura vasca, e tamén a galega. 

O BNG demanda que a data das eleccións na Galiza "se decida na Galiza" e que "non volva ser o lehendakari Urkullu o que diga cando temos que ir votar", mentres o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "se limita a facer seguidismo".

"En relación a unha posíbel data electoral, destacar que o BNG foi o primeiro en aprazar as eleccións porque no medio dunha pandemia o único importante é a saúde das persoas. E hoxe pensamos o mesmo", salientou a portavoz nacionalista, quen conveu que as eleccións "só deben realizarse cando existan todas as garantías".

Os comicios galegos estaban convocados, o mesmo que os vascos, para o pasado 5 de abril, mais foron suspendidos pola crise sanitaria, co acordo de todas as forzas políticas máis representativas e o aval da Xunta Electoral galega, que deu as garantías xurídicas para o decreto de suspensión asinado por Feixoo. 

Comentarios