Pontón pide a Feixoo apartar o seu “rodete” da maioría absoluta e ínstao a dialogar

Após a intervención de Alberto Núñez Feixoo na primeira sesión do debate de investidura no Parlamento galego, a líder do BNG, Ana Pontón, reprochou ao popular que “non recoñeza os erros da súa xestión” e instouno a “rectificar” a deixar de aplicar o “rodete” da maioría absoluta para que Galzia supere a crise.

Ana Pontón valora o discurso de Alberto Núñez Feixoo após a primeira sesión do debate de investidura.  (1)
photo_camera Ana Pontón valora o discurso de Alberto Núñez Feixoo após a primeira sesión do debate de investidura. (1)

“Non é un debate de investidura máis”, recriminou a portavoz do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Ana Pontón, logo de ouvir o discurso “continuísta” pronunciado por Alberto Núñez Feixoo, esta terza feira, 1 de setembro, durante a primeira sesión do debate de investidura no Parlamento galego. “É importante que a cuestión sanitaria e económica centren todo o traballo do Parlamento e o próximo Goberno ten que tomar nota desas cuestións”, sinalou a nacionalista de cara a XI lexislatura galega que principia.

“No BNG xa dixemos que non íamos poder saír desta situación coas políticas de sempre nin coa óptica dunha soa organización política. Por iso xa pedimos en marzo acordos de país”, lembrou Pontón. “Son momentos moi duros con incerteza nos postos de traballo, nas escolas, nas residencias, na sanidade... e nós temos que achegar solucións. E para iso imos traballar”, enunciou a líder do Bloque, ao tempo que enfatizou a “importancia” de que “o grupo que ostenta a responsabilidade de gobernar” non use a maioría “como un rodete”, dixo en alusión ás lexislaturas anteriores do PP.

Precisamente o BNG leva semanas pedindo a creación dunha mesa de reconstrución da Galiza, para afrontar entre partidos e expertos do ámbito científico e universitario os novos retos do país. En resposta a esta petición, Feixoo anunciou hoxe que a primeira medida do seu Executivo será a convocatoria dunha mesa de diálogo social. Pontón apuntou a ese respecto que a súa formación traballará para dar saída ás necesidades da Galiza.

“O que demostrou Feixoo é que non está pensando na Galiza do futuro, con medidas reiteradas, sen recoñecer nin un só erro na xestión da crise e perdeu a oportunidade de desculparse”, dixo en referencia ás “equivocacións que cometeu” na xestión da pandemia. “Feixoo tiña que ter dado respostas a por que Galiza ten a peor taxa de rastrexo de todo o Estado español, por que non se fixo ben o plano de rastrexo, por que Galiza non conta con potocolos claros ante a Covid-19, por que se fechou a Mariña e non outras áreas sanitarias” en situacións semellantes como zonas da Coruña ou Lugo onde a Xunta levou “semanas sen actuar, e por que non se traballou nunha volta segura ás aulas”. Precisamente, a respecto do ensino, a nacionalista recriminou a actuación do Goberno de Feixoo por non ter reducido a ratio de alumnado por aula, non ter ampliado o cadro de profesorado e non ter dialogado coa comunidade educativa para “consensuar” un protocolo. O que preocupa a Feixoo é, segundo Pontón, “responsabilizar” outras Administracións “da súa falla de xestión”.

Para a nacionalista, o candidato a revalidar na Presidencia da Xunta “perdeu a oportunidade de desculparse polo abandono das institucións. Non cremos que as e os noso maiores se poidan reducir a unha media”, aseverou en relación á afirmación de Feixoo de que Galiza está mellor situada que o Estado na incidencia do virus na terceira idade. “Case a metade das persoas falecidas na Galiza pola Covid-19” foron en residencias de maiores, engadiu Pontón, lamentando que a Xunta “non blindase” e actuase “preventivamente” nas residencias durante as últimas semanas. “É moi tarde para moitas persoas, pero o Goberno aínda está atempo de reaccionar”, implorou a nacionalista.

“Imos ter que loitar contra o virus da posverdade como forma de entender o Goberno, contra o virus da resignación o da falla de ambición de pais nas que está instalando Feixoo”, augurou Pontón perante o comezo da XI lexislatura.

Comentarios