Pontón apela á remontada e pide encher as urnas de "votos rebeldes" para derrotar o PP

A candidata do BNG afirmou que os nacionalistas darán a sorpresa este domingo “porque somos a garantía do cambio real" e “temos un proxecto político de país, solvente, coherente e con experiencia” , durante un mitin multitudinario no Teatro Rosalía da Coruña.

Mitin no Teatro Rosalía da Coruña (Foto: BNG)

O BNG realizou esta pasada cuarta feira un mitin multitudinario na Coruña, onde a candidata nacionalista á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, chamou a encher as urnas de votos “inconformistas e rebeldes” este 25S que considerou a chave da derrota do PP e da maioría absoluta de Feijóo. Pontón pediu o apoio para o Bloque como “proxecto político de país, solvente, coherente e con experiencia que ten a cabeza e o corazón en Galiza”. 

A candidata do BNG apelou á “remontada” e afirmou que os nacionalistas darán a sorpresa este domingo “porque somos a garantía do cambio real cun valor dobre”, ante centos de persoas que participaron no acto celebrado no Teatro Rosalía da Coruña. 

“Nin PSOE nin Podemos poden dicilo, por moito que agora teñan a cara dura de vir darnos leccións de como derrotar o PP”, dixo sobre o compromiso do BNG de impedir que goberne a dereita.

Pontón recordou que a súa formación nunca permitirá gobernar á dereita, unha cuestión que “nin PSOE nin Podemos poden dicir por moito que agora teñan a cara dura de vir darnos leccións de como derrotar o PP”, afirmou a aspirante do BNG, que engadiu que non chega cun cambio de caras este 25S e é preciso “abrir un tempo novo para construír unha Galiza na que vivir e traballar con dignidade”.

Un tempo novo no que Pontón considera que as mulleres galegas serán fundamentais. “Precisamos que a forzas das mulleres se exprese nas urnas, que se expresen a favor de nós mesmas, e como candidata teñen o meu compromiso de que mellorar a vida das mulleres será unha prioridade”, manifestou, ao tempo que apelou ás galegas como “motor” do país ante os momentos difíciles. Entre outras medidas, a candidata nacionalista presentou algunhas das propostas para erradicar a discriminación salarial e facer efectiva a conciliación familiar e laboral: contratos cero con empresas que discriminen, servizos públicos de calidade e permisos de paternidade obrigatorios para facer efectiva a conciliación.

"Xa teño claro que é iso que chamades o efectoPontón: sodes todos e todas vós, simpatizantes, militantes, candidatos e candidatas cheos de forza e de confianza no país".

A aspirante á Xunta recordou tamén que o Bloque é “a única forza que defende un sistema fiscal que dea a Galiza o control dos seus impostos cunha facenda galega”, que permitiría segundo os nacionalistas “xestionar 3.000 millóns de euros adicionais que agora recada o Estado por riba do que reinviste no país”. Uns recursos que destinarían a reforzar os servizos públicos, nomeadamente a sanidade, coa  supresión dos repagamentos de medicamentos, a recuperación de 2.000 profesionais da sanidade eliminados polos recortes do PP e un plan de recuperación progresiva dos servizos  privatizados.

“Estes días estou percorrendo o país de arriba abaixo, e xa teño claro que é iso que chamades o efectoPontón: sodes todos e todas vós, simpatizantes, militantes, candidatos e candidatas cheos de forza e de confianza no país, cheos de convencemento no proxecto que representamos, quen estades facendo que cada vez máis galegos e galegas miren para o BNG, e esa forza, será a que tombe a maioría absoluta do PP”, proclamou Pontón. 

Comentarios