Pontón pide "desconfinar" o idioma e acabar coas políticas "lingüicidas"

O BNG chama a abrir "un novo tempo" para a lingua galega.
Ana Pontón, onte na manifestación de Queremos Galego (Foto: Nós Diario)
photo_camera Ana Pontón, hoxe na manifestación de Queremos Galego (Foto: Nós Diario)

“O futuro do galego é tamén o futuro dunha Galiza máis forte", aseverou no Día das Letras Galegas a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, ao tempo que chamou a "seguir traballando para que o idioma gañe espazos e gañe normalidade porque iso é sinónimo de vitalidade para o país”. 

Mais para que esa normalidade sexa unha realidade, apostilou, "urxe un cambio de rumbo que poña fin a 12 anos de políticas lingüicidas" do Goberno de Alberto Núñez Feixoo.

Nese sentido, en declaracións aos medios, antes de participar da manifestación de Queremos Galego en Santiago polo 17 de maio, a líder nacionalista cualificou a acción da Xunta da Galiza de "política de acoso ao idioma propio que, no ámbito da educación, mesmo está a provocar unha perda de competencias lingüísticas entre a xente moza".

Así, denunciou que “o PP está cerceando o dereito de usar o galego a miles de persoas", motivo polo que reclamou "un cambio de rumbo neses decretos e nesas políticas linguicidas para abrir unha nova etapa para o galego na que desconfinemos o noso idioma como a mellor forma de demostrar o orgullo de ser desta terra e deste país e traballar por un futuro mellor para todos e todas”.

En concreto, a portavoz nacional do Bloque responsabilizou desta decadencia o polémico decreto lingüístico da Xunta en materia educativa de hai unha década -ao que tachou de "decreto da vergoña"-, porque "impide que miles de mozas e mozos teñan competencia en galego".

Noutra orde, e a preguntas dos medios en relación ao ritmo de vacinación anunciado pola Xunta, a líder do Bloque salientou que oxalá se cumpra, pero lembrou que aínda é maioría a cidadanía que está a agardar mesmo por unha primeira dose.

“Espero que haxa vacinas suficientes e que funcione todo con normalidade, mais hoxe son milleiros de persoas quen agardan polo antídoto", recordou. 

Comentarios