Ana Pontón pide deixar atrás o “autonomismo fosilizado” e acusa Feijóo de “traizoar sempre Galiza”

A portavoz do BNG, Ana Pontón, anuncia na sesión de investidura de Feijóo unha oposición “estrita” e “rigurosa” con propostas e alternativas “en positivo”. “Vosté pide unión, pero leva 8 anos dividindo. Vosté sempre acaba traizoando Galiza”, dixo desde a tribuna do Parlamento.

Ana Pontón. Debate de investidura Feijóo. 10 de novembro de 2016
photo_camera Ana Pontón mostra un documento durante o debate.

Unha intervención de 38 minutos de Ana Pontón abriu a sesión de investidura esta quinta feira. A líder do BNG debullou as principais alternativas da formación soberanista e xulgou con dureza quer o legado dos 8 anos de Feijóo quer as propostas, que cualificó de propagandistas, formuladas polo candidato do PPdeG na abertura deste debate a pasada terza feira.

“Toca repensar Galiza como proxecto, toca redefinir e repensar o modelo produtivo, social e cultural do país”, dixo Pontón, ao tempo que mostrou a vontade do BNG de chegar a acordos no ben do país. “Sempre nos atopará naqueles acordos que servan a Galiza”, engadiu.

Mais a líder soberanista mostrou considerábeis doses de escepticismo a respeito da hipótese de alcanzar acordos co candidato conservador. “Vosté pide unión pero leva 8 anos dividindo. Vosté sempre acaba traizoando Galiza”.

Si admitiu Pontón que Feijóo brilla nunha materia non desprezábel na política, no uso das técnicas da propaganda. “Vosté é un grande propagandista, pero a súa propaganda non lle dá de comer á xente”, dixo após relacionar varias historias de xente do común, storytellings de traballadoras que viven con salarios de 700 euros ao mes ou dependentes que ingresan menos desa cantidade. “Vosté sería capaz de viver con 700 euros ao mes?”, perguntou Pontón enfática.

“Vosté é un grande propagandista, pero a súa propaganda non lle dá de comer á xente”

Os anuncios realizados por Feijóo esta segunda feira -o aumento do teito de gasto en 250 millóns de euros para 2017, os orzamentos expansivos, a criación de 100 mil postos de traballo nesta nova lexislatura- non impresionaron en absoluto a portavoz do BNG, quen ve neles un remake de ofertas similares lanzadas nas investiduras de 2009 e 2012. “Son as mesmas promesas que hai 4 anos, as mesmas promesas que hai 8 anos”, espetou.

O problema, analisou Pontón, é que Feijóo non está “disposto a mudar nada” e que o seu deseño para esta lexislatura é puramente continuista. Galiza non vai así a ningures. O país necesita un cambio de rumbo. “Precisamos algo máis que un autonomismo fosilizado”, dixo e argumentou que en 2016 á nación galega xa non lle acae “o traxe dos anos 80”, afirmou en alusión ao vixente Estatuto de Autonomía.

Ana Pontón. Debate de investidura. 10 de novembro de 2016“Necesitamos un novo estatuto para Galiza. Temos que superar o autonomismo fosilizado. Que se nos recoñeza como o que somos, unha nación”, enfatizou.

Un poder político digno de tal nome. Iso é o que precisa Galiza. Para pór en marcha políticas novas. E enumerounas: un novo modelo de financiamento, unha banca pública galega que recupere o aforro “roubado” co desaparecimento das caixas, unha tarifa eléctrica propia do país, o incremento sustancial dos investimentos públicos no I+D+I. Puxo o acento sobre a necesidade de Galiza ter unha facenda propia e “que eses 3.000 millóns de euros que recada o Estado español na Galiza por cima do que aquí se inviste retornen ao país”.

Pactos

A portavoz do BNG formulou tamén propostas concretas ao candidato. Destarte, Pontón mostrouse aberta a negociar co grupo parlamentar maioritario o contido do Plano Retorna -a proposta nacionalista para destinar o 1 por cento do orzamento da Xunta ao retorno da mocidade emigrada-, ben como a posta en andamento dun plano contra a violencia machista “con prazos e orzamentos” ou a formación dunha fronte común parlamentar a prol da transferencia a Galiza da AP9. 

A líder soberanista demandou aínda a Feijóo que en materia lingüística desande os pasos dados nos seus 8 anos de goberno e se reintegre ao consenso acadado en 2004, na última fase do fraguismo, cando o Parlamento aprobou por unanimidade o Plano de Normalización Lingüística. Pontón pediu tamén ao candidato á reelección que, unha vez tome posesión efectiva, promova “un novo decreto” para regular o uso do galego no ensino. “Por que para aprender o inglés hai que atacar o galego?”, perguntouse a portavoz do BNG.

A delicada situación dos sectores produtivos do país -o leiteiro, a pesca, máis tamén o naval e unha automoción cada vez máis tocada pola deslocalización de empresas a Portugal- achou tamén espazo no discurso de Pontón. “Os seus 8 anos de goberno”, recapitulou, “non trouxeron a felicidade ao país, pero tampouco branquearon a corrupción”, espetoulle e nese sentido interpelou a Feijóo se o código ético do PP é “compatíbel” con manter Baltar junior como presidente do PP de Ourense.

Capítulo aparte mereceu o dossier eléctrico no discurso de Pontón. Descualificou as políticas do PP contraria ás “enerxías verdes” -deu dados do aumento por cima do 20 por cento dos investimentos neste sector en Alemaña e China- e atribuíunas ao enfeudamento da formación conservadora aos intereses dos oligopolios eléctricos. A xenuflexión perante “Endesa, Iberdrola e Gas Natural” explicaríase porque os dirixentes do PP ven nesas empresas as “portas xiratorias” do seu futuro.

No concreto, instou Feijóo para que, no uso das súas competencias, impida a “venda especulativa” das “centrais do Río Xallas”. “Vai defender os intereses das veciñas e veciños da Costa da Morte ou os intereses de Villar Mir?”, cuestionou.

Comentarios