Inglaterra declaroulle a guerra ao IV Reich, argumenta Beiras

Pontón pide un debate de fondo sobre o que "está significando" a UE para Galiza e os dereitos sociais

O Brexit entrou con forza no último día de campaña na Galiza. O BNG pide un "debate a fondo" sobre o que "está significando" a UE para Europa. Anova fixo un comunicado como partido, non como En Marea.

ato BNG
photo_camera Imaxe dun acto realizado polo BNG esta sexta feira

En twitter, a portavoz nacional do BNG avaliou o Brexit como un "duro golpe" para a UE.


A expresión "duro golpe" utilizouna tamén Ana Pontón para expresar o que, baixo o seu ponto de vista, ten significado a UE para "a nosa economía produtiva". A UE, enfatizou, é "un deses actores da Troika" que "claramente estaba actuando para impor recortes en materia de dereitos sociais e políticas neoliberais".

Após o Brexit, que con toda probabilidade abocara a UE a unha profunda crise, o BNG pide un "debate de fondo" arredor do que "está significando" esta Unión Europea "canto aos dereitos sociais e políticos, canto á negación das nacións sen Estado que nela estamos vivindo". Un debate de "futuro" visando "deixar atrás estas políticas de recortes da UE".

Pontón salientou que "este modelo" [da UE], "avalado pola dereita e pola socialdemocracia europeas", sempre foi un "modelo falido" e contrario "aos intereses das maiorías sociais".

Por súa parte, Anova emitiu un comunicado como partido e non como membro da coligazón de Podemos. Nel recóllense declaracións contundentes de Beiras sobre a relevancia histórica do Brexit, estabelecendo un parangón co confronto bélico entre a Inglaterra de Churchill e a Alemaña nazi:

"A UE é como o IV Reich. A hexemonía do III Reich comezou a rachar cando Inglaterra lle declarou a guerra. Co IV Comezamos a vivir unha situación análoga".

Nun ton moi distinto, o seu compañeiro de coligazón eleitoral, Pablo Iglesias, cualificou este de "día triste para Europa" e alegou que dunha "Europa xusta e solidaria" ninguén querería irse.


De volta na Galiza, o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, en campaña atribuíu o triunfo do Brexit á conxunción da extrema dereita e da extrema esquerda (esta última absolutamente testemuñal no Reino Unido) e, na liña de Rajoy, chamou a evitar as solucións populistas que, din, traen inestabilidade.

Por súa parte, o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Xaquín Fernández Leiceaga, aproveitou a conxuntura para cargar contra Podemos, a quen lle imputa ambigüidade a respeito do seu respaldo ao proxecto da UE.
 

Comentarios