Pontón pide por carta a Sánchez e Feixoo que nacionalicen Alcoa

“Non é tempo de escusas senón da solucións. Se en Alemaña e en Portugal é legal nacionalizar empresas por que non en Galiza? Os dous gobernos deben tomar decisións: imos seguir fabricando aluminio primario si ou non?”.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa (Imaxe: Nós Diario)
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa (Imaxe: Nós Diario)

A líder do BNG, Ana Pontón, remitiu unha carta ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e ao presidente da Xunta, Alberte Núñez Feixóo, cun chamamento urxente a ambos os dous para que senten “na mesma mesa de inmediato e traballen unidos para salvar unha fábrica clave para Galiza e a única de produción de aluminio primario en todo o Estado”.

A portavoz nacionalista aponta a una “unha solución legal e viábel” para salvar Alcoa: “intervención pública do Estado e da Xunta para nacionalizar a factoría garantindo produción e emprego e o futuro da Mariña”.

“Deben sentar hoxe mesmo para concretar os termos desa nacionalización así como as aportacións que vai facer cada quen”, demandou a portavoz nacional.

É unha proposta legal e viable, -alegou-, que xa teñen posto en práctica países como Alemaña ou Portugal e que nada impide que se faga tamén en San Cibrao, se hai vontade política. “Por que a señora Merkel en Alemaña líder dun goberno de dereitas pode nacionalizar Lufthansa por considerala estratéxica e en España o que presume de ser un goberno progresista non pode facer o mesmo con Alcoa sendo clave para Galiza e a única fábrica de aluminio primario do Estado?”, interpelou Pontón, quen tamén destacou o seu convencemento de que se a factoría estivese localizada en Madrid “xa habería sobre a mesa unha proposta de nacionalización”.

Neste sentido, salientou que hai recursos para facer esa intervención tendo en conta o fondo COVID europeo con 140.000 millóns de euros. “Sería de delito que habendo unha solución e coa crise na que estamos inmersos Estado e Xunta permitiran que se perda emprego industrial, que deixaran caer Alcoa na Mariña cando o que necesitamos é xusto o contrario. A solución existe, só hai que ter vontade política para levala a cabo”, alegou.

Gonzalo Caballero

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, incidiu na "mala fe" de Alcoa na "ruptura" das negociacións e doutro investidor para un proxecto "viábel". Ademais, destacou a actuación do Goberno español na procura dunha solución, inclusive na compra por parte da SEPI da fábrica para logo vendela ao comprador Liberty House.

Neste sentido, Caballero advertiu que hai que revisar as subvencións "millonarias" que recibise a empresa ao longo dos anos, así como reclamarlle a reposición ambiental na Mariña. Ademais, advertiu de que hai "indicios de fraude" por parte da empresa.

Caballero considerou que "é hora de que a Xunta e o Estado traballen para dar toda a presión a Alcoa, que actúa de mala fe e hai indicios de que poida estar a traballar con intereses de parte". Neste sentido, tamén defendeu "presionar" á empresa para que devolva as axudas "millonarias" que recibiu no caso de que se poida confirmar esa forma de actuar.

Caballero tendeu a "man" ao presidente da Xunta porque "non é momento máis que para traballar conxuntamente". Así, pediu que convoque a unha reunión de traballo cos líderes dos partidos co fin de deseñar unha "folla de ruta" conxunta e traballar nunha "gran fronte común".

Preguntado por se debería o Estado ir a unha intervención pública, defendeu "seguir explorando todas as vías de acción posibles" e indicou que o Goberno de Pedro Sánchez está "a contemplar todas as formas de intervención e presión legalmente posibles".

Comentarios