No Festival da Poesía do Condado

Pontón esixe un cambio na política migratoria da UE para frear as mortes no mar

PHOTO-2019-08-31-12-43-58
photo_camera Pontón, hoxe en Salvaterra [Imaxe: BNG]

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón avogou hoxe en Salvaterra de Miño por cambiar unha política migratoria europea que non reacciona ante a violación de dereitos humanos e que provoca que miles de persoas morran no mar na busca dun lugar de acollida. Pontón lembrou que a maior parte dos casos de homes e mulleres que se ven obrigados a saír  de Africa fano para fuxir das guerras.

Pontón apelou en Salvaterra do Miño, onde asistiu ao Festival da Poesía do Condado, a unha mudanza nas  políticas regresivas da Unión Europea por outras que permitan a acollida das persoas que foxen das guerras en Africa, conflitos bélicos, na súa maior parte, "iniciados polas grandes potencias e intereses europeos".

A portavoz nacionalista avogou tamén por mudar o odio por políticas de  "respecto e solidariedade" e por unha transformación do marco internacional para impedir que a xente continúe abandonando os seus países.

Pontón destacou que o debate sobre a migración debe ofrecer alternativas a todas as persoas que buscan un lugar "seguro" para vivir e que se ven abocadas a abandonar os seus países por causas políticas ou económicas.

"Deixar o teu país", subliñou, "sempre é un drama humano". "Por desgraza", engadiu, "en Galiza coñecemos moi ben o que supón marchar a outros lugares co fin de mellorar as condicións de vida" e lembrou que "os galegos e galegas que se viron obrigados a emigrar, por motivos políticos ou económicos, foron acollidos en diferentes países europeos e americanos", polo que "hoxe Europa debe demostrar esa mesma solidariedade coas persoas migrantes".

Comentarios