luns 28/09/20

O Sergas notifica negativos a persoas que aínda non realizaron probas da Covid-19, alerta o PSdeG

Os socialistas cualifican de "caótica" a xestión das análises que fai a Xunta da Galiza.
O voceiro de sanidade do grupo parlamentar do PSdeG, Julio Torrado.
O voceiro de sanidade do grupo parlamentar do PSdeG, Julio Torrado.

O voceiro de sanidade do grupo parlamentar do PSdeG, Julio Torrado, reclamou esta cuarta feira, 16 de setembro, á Xunta da Galiza "claridade e seriedade" na realización desde o Sergas das probas PCR do coronavirus. Segundo denunciou  o socialista "os criterios varían en función de cada área sanitaria, tanto na decisión de a quen se debe facer as probas, como no sistema de notificacións de citas e resultados”, o que provoca "máis confusión e desigualdade", criticou.

Esta "falta de organización" está a derivar nun panorama "caótico", censurou Torrado, no que "atopamos desde pacientes que son notificados como negativos sen ter feito nunca unha proba, ou persoas ás que comunican por escrito que non asistiron a unha cita que en realidade nunca lles foi notificada".

Ante esa situación, o voceiro de sanidade do PSdeG exixiu ao Goberno galego coñecer "cales son os criterios" que se están implementando para a realización de probas PCR do coronavirus. "Esta falta de eficiencia impide dar unha resposta clara e contundente na loita contra a pandemia na Galiza", lamentou  Julio Torrado. 

A día de hoxe “non hai criterios unificados nas áreas sanitarias”, explicou o deputado, ao tempo que lembrou que "seguimos sen coñecer o número de rastrexadores de contactos da Covid-19". A ese respecto, Torrado preguntouse "como se pode confiar nun Goberno que manifesta tal ineficiencia na xestión dun tema tan sensíbel?”. 

"Non estraña", dixo o socialista, que a Galiza sexa "unha das comunidades peor valoradas" nos niveis de transparencia e información na loita contra a Covid-19. Ao fío desta cuestión,  o PSdeG presentou diversas iniciativas parlamentares co obxectivo de “coñecer os medios e os criterios” cos que o Sergas está a notificar as citas para a realización de probas PCR e as do estudo serolóxico galego. 

Limpeza dos centros

A portavoz de Administración local do grupo socialista, Begoña Rodríguez Rumbo, lamentou o veto do PP a unha proposición non de lei presentada polo PSdeG para pedir á Xunta que garantise o financiamento necesario para que os concellos poidan facer fronte ás medidas incluídas no Protocolo de adaptación dos centros de ensino non universitario á Covid-19.

comentarios