Pontón opina que Galiza aguantou o tirón de 2020 pero o Goberno de Feixoo "non dou a talla"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, extrae polo menos dúas lecturas do sucedido. "Hay que blindar a sanidade pública e hai que pór en marcha un novo modelo de coidados que garanta unha vellez digna", destaca.
Ana Pontón en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera Ana Pontón en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

Pouco despois de que se fixera público o balance do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, da xestión do seu goberno neste ano 2020, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, aportou a súa visión do sucedido. "Galiza deu a talla, pero o Goberno de Feixoo non", resumiu. A nacionalista foi máis alá ao acusalo de "desertar das súas funcións".

Para a líder do Bloque o discurso de Feixoo ven a ser unha escolma do que "foi unha constante do Goberno do PP ao longo da pandemia: a deserción das súas funcións na xestión dunha crise sen precedentes en tempos de paz".

A este respecto, afirmou que "os galegos e as galegas estiveron á altura, dando o mellor de si, cun comportamento exemplar, reaccionando desde a solidariedade e desde a coraxe ante esta crise". Non veu a mesma acción no presidente nin no seu equipo, ao que acusa de estar "instalado na improvisación permanente".

De Feixoo tamén dixo que foi "incapaz de anticiparse e dar solucións, incapaz de aprender dos erros, un presidente da Xunta que non toma nota das leccións que deixa a pandemia".

Mellor sanidade e unha vellez digna

Pontón considera que de todo o sucedido este exercizo hai que extraer polo menos dúas aprendizaxes. "Hai que blindar a sanidade pública e que hai que pór en marcha un novo modelo de coidados das persoas maiores que garanta unha vellez digna", aseverou. Neste sentido, comprometeu o traballo do BNG para que en 2021 se estabelezcan os piares sobre os que construír a reactivación económica e social. Os servizos públicos, por exemplo, serán unha das súas grandes defensas.

Malia asumir que unha crise sanitaria de tal magnitude implicaba rapidez nas decisións, así como eficacia e alianzas de consenso. "Pero nada diso demostrou o Goberno de Feixoo", insistiu. Desde o seu punto de vista, pola contra, mantívose "na soberbia, rexeitando a man tendida do BNG con propostas en positivo" na defensa da Galiza.

A voceira aproveitou tamén para criticar que a Xunta non fora quen de defender os intereses do país ante o Goberno do Estado español.

Comentarios