Pontón: "Non sei se quería esta foto, xa a ten, mais os galegos non van ter alternativas"

A dirixente nacionalista lamentou que non se abordaron cuestións concretas para a Galiza, máis alá de pór enriba da mesa asuntos para dirixir ao Goberno central.
Alfonso Rueda e Ana Pontón. (Foto: Arxina)
photo_camera Alfonso Rueda e Ana Pontón. (Foto: Arxina)

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, preguntouse "despois de 90 minutos de reunión, para que" os convocou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, a un encontro no que, lamentou, "non quixo chegar a acordos en materias que son asuntos directamente da súa competencia".

"Non sei se quería esa foto, xa a ten, pero os galegos e galegas non van ter alternativas", recriminou Pontón en declaracións aos medios posteriores ao encontro.

A xuntanza entre a portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego e o novo presidente do Goberno galego prolongouse durante unha hora e media, e comezou despois de que tivese lugar a reunión entre Rueda e o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso.

A dirixente nacionalista lamentou que non se abordaron cuestións concretas para a Galiza, máis alá de pór enriba da mesa asuntos para dirixir ao Goberno central.

Reunión de "xeneralidades"

Entre os asuntos tratados na reunión que mantiveron ambos dirixentes, abordouse a reclamación das competencias de costas ou unha convocatoria extraordinaria de MIR, así como a descentralización dos Fondos Next Generation.

Aínda que Pontón sinalou que Rueda puxo enriba da mesa "xeneralidades", a líder do BNG asegurou que a formación nacionalista "sempre vai estar en defensa dos intereses da Galiza, goberne quen goberne en Madrid".

En canto á cuestión concreta das competencias de costas, Pontón expuxo que está de acordo pero tamén demandou "unha axenda máis ambiciosa", xa que a formación nacionalista detectou que co actual Estatuto de Autonomía existen, cando menos "71 ámbitos" para reclamar competencias.

Neste sentido, a portavoz nacional do Bloque manifestou a posibilidade de "abrir" a reforma do marco estatutario, co fin de "blindar" a Galiza fronte á "centralización" e acadar un "financiamento" galego.

Comentarios