Pontón multiplica por seis os avais requiridos como candidata a liderar o BNG

“Imos a por todas porque estamos en condicións de liderar á alternativa que deixe atrás o decenio negro do Goberno Feixoo”, proclamou a actual portavoz nacional do Bloque, que se postula para ser a candidata do Bloque á Presidencia da Xunta.  
Ana Pontón, na sede nacional do BNG, esta segunda feira durante a presentación dos seus avais. (BNG)
photo_camera Ana Pontón, na sede nacional do BNG esta segunda feira durante a presentación dos seus avais. (BNG)

Rodeada de mulleres, militantes de base, a  portavoz nacional, Ana Pontón, presentou 1.252 avais á súa candidatura á Presidencia da Xunta polo BNG, multiplicando por seis os apoios necesarios para participar no proceso de elección que concluirá a mediados de xaneiro tras a votación das bases nas asembleas comarcais previstas en todo o país, segundo informan as nacionalistas nun comunicado de prensa.

Pontón trasladou esta segunda feira o seu agradecemento a todas as persoas que lle prestaron este apoio inicial á súa candidatura que ofrece ilusión, confianza e responsabilidade para afrontar o reto de abrir un tempo novo en Galiza nas próximas eleccións galegas nas que imos ir a por todas”.

Tras rexistrar os avais na sede nacional, avanzou que o obxectivo persoal e colectivo da súa candidatura “é liderar a próxima etapa na Xunta, liderar o cambio político do noso país que nos permita deixar atrás unha década de recortes, precariedade e mentiras que representa o Goberno de Feixoo, que nunca estivo á altura do país, que deixa unha Galiza peor da que atopou e demostrou que tampouco ten un proxecto que ofrecerlle os galegos e as galegas”.

A portavoz do Bloque destacou as fortalezas que lle permite aspirar á formación nacionalista a ser o motor do cambio. “Nestes catro anos como portavoz levamos a cabo un proceso de renovación e de incorporación de novas persoas, nun proceso de suma ao proxecto nacionalista que tivo a súa translación nunha organización fortalecida e nun incremento do apoio social e electoral. Todo isto permítenos estar en condicións de liderar a alternativa ao PP e abrir un tempo novo en Galiza a partir de 2020”, argumentou.

Convocatoria das eleccións galegas

De cara á cita coas urnas, Pontón confirmou que o Bloque está traballando “desde xa” para estar á altura de todas as persoas que teñen postas no BNG “as súa esperanzas para deixar atrás esta etapa nefasta do PP,asumimos ese reto con todas as ganas, ilusión e traballo sabendo que estamos en situación de poder afrontar con garantías as eleccións galegas”.

Con independencia de cando se convoquen, subliñou, “Feixoo vainos atopar cos deberes feitos e con todas as ganas de dar o mellor de nós porque este país merece un futuro diferente que aproveite todo o seu potencial, con máis autogoberno, con capacidade para xerar emprego digno, que priorice a defensa dos servizos públicos, que aposte pola nosa lingua e cultura, un país con máis democracia, liberdade e dereitos”. 

Asembleas

A de Ana Pontón é a primeira candidatura que comparece nun proceso que se iniciou o día 26 de novembro coa apertura do prazo de presentación de listas (prazo que finaliza hoxe, día 2 de decembro) e que rematará o día 11 de xaneiro. Días despois, farase oficial o nome da candidata ou candidato nacionalista. Antes, entre os días 4 a 13 de decembro, as asembleas comarcais deberán aprobar a candidatura (polo de agora á de Pontón é a única presentada) ou as candidaturas.

Comentarios