Pontón, "en marcha" cara as eleccións: "Imos facer historia e deixar atrás esta década gris"

A candidata a presidencia da Xunta polo BNG colocou o reto histórico de que, por primeira vez, "unha muller e unha nacionalista" na presidencia da Galiza. Pontón dirixiuse ás militantes e ás simpatizantes que "observan con expectativa" os movementos do partido. "Galiza non necesita substituír un presidente submiso por outro que vai practicar a mesma submisión a Madrid", asegurou Pontón.
Acto de presentación de Ana Pontón, candidata á presidencia da Xunta polo BNG (Imaxe: BNG)
photo_camera Acto de presentación de Ana Pontón, candidata á presidencia da Xunta polo BNG (Imaxe: BNG)

Ás 12 horas do domingo, as ducias de persoas que non puideron entrar no ateigado auditorio de Abanca en Composela escoitaron un adianto da presentación da candidatura de Ana Pontón, aspirante a presidir a Xunta da Galiza polo Bloque Nacionalista Galego nos vindeiros comicios. No interior, o responsábel de organización do Bloque, Bieito Lobeira, solicitou uns minutos de paciencia mentres Pontón daba as grazas a quen tivo que ficar fóra, que a despediu ao berro de “presidenta!”.

PONTON FALA COA MILITANCIA NA RÚA POR FALTA DE AFORO 1

Nacionalismo para o século XXI

Pontón comezou o seu discurso dando as "grazas". "Son militante do optimismo, penso que a alegría é revolucionaria. Mais para este reto non chega con isto, precisamos de todas as mans, a forza e o empuxe", afirmou a nacionalista. A candidata dirixiu o seu discurso ás militantes do BNG, ás simpatizantes das nacionalistas, "que nos miran cada vez con máis expectativas", e ao actual presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, a quen o BNG xa asume como candidato do Partido Popular.

Galiza non necesita substituír un presidente submiso por outro que vai practicar a mesma submisión a Madrid, asegurou a nacionalista

Desde o nacionalismo e o feminismo Pontón volveu reivindicar que o desenvolvemento da Galiza pasa por "máis Galiza" e "menos Madrid". Menos centralismo, e máis poder de decisión. "As vindeiras eleccións non van de quitar un para poñer outro, non van da alternancia dun bipartidismo que xa sabemos que significa marxinación, agravio", salientou, "Galiza non necesita substituír un presidente submiso por outro que vai practicar a mesma submisión a Madrid"."Fan exactamente o mesmo os progres, a dereita ou esa nova vella política enferruxada", asegurou a nacionalista.

A candidata fixo referencia a dous cambios que chegan no 2020. Un, o da súa propia maternidade; outro, o do "nacemento dunha nova Galiza". "Temos o reto de que Galiza teña unha muller e unha nacionalista na presidencia por primeira vez na historia”, avanzou. A nacionalista pediu o apoio da maioría social “que ama Galiza” para poñer fin “a unha década gris".

Temos o reto de que Galiza teña unha muller e unha nacionalista na presidencia, afirmou Pontón

Pontón agradeceu a todas as corporacións locais, ao representante do BNG no Congreso Néstor Rego e a eurodeputada nacionalista Ana Miranda o seu traballo. "Que poderiamos facer cun Goberno liderado polo BNG?", preguntou ao público. Tamén reivindicou as raíces do partido: "Somos as herdeiras do republicanismo galego, das esquerdas galegas, do galeguismo que defenderon os dereitos sociais e nacionais do noso país e que pensou, con amor e con intelixencia, un futuro de liberdade e de progreso".

PONTON PRESENTACIÓN CANDIDATURA 2

"Sabemos das limitacións do marco autonómico e queremos superalo", aseverou Ana Pontón xa finalizando o seu discurso, que reivindicou o BNG como "o nacionalismo para o século XXI".

Paraugas de colectivos sociais

O acto, presentado pola actriz Iria Pinheiro, arrancou coa intervención de representantes do eido cultural, a investigación, a mocidade ou da industria. O primeiro en tomar o micrófono foi o ex reitor da Universidade de Vigo, Salusiano Mato, quen afirmou que "só o BNG será quen de facer volver o talento disperso polo mundo". A xornalista Ana Cabaleiro reclamou "vivir nun país culturalmente normalizado". "Por onde pasa o BNG deixa semente de país", dixo.

“Por onde pasa o BNG deixa semente de país”, asegurou a xornalista Ana Cabaleiro

Á emigración da mocidade tamén fixo alusión o investigador biosanitario Adrián Cordido, quen censurou a falta de oportunidades estábeis para as investigadoras do país e demandou o cese "da sangría de capital humano", promovido polas políticas de "Feixoo". Daniela Rodríguez, activista transexual e LGBTiQ+ agradeceu ao BNG “o apoio” ao colectivo e sinalou "a ausencia" nos catro anos "de goberno do PP" de políticas que melloren  a súa situación.

O traballador de Ferroatlántica, Alfonso Mouzo, reclamou unha "tarifa eléctrica galega". "Non podemos permitir que as grandes multinacionais espolien os nosos recursos", demandou. Por último, o doutor do hospital de Verín Eugenio Quintas -que tivo que calar en varias ocasións polos emocionados aplausos do público-, pediu apoios para quen "amosou sensibilidade pola sanidade pública".

Comentarios