domingo 01/08/21

Pontón insta o Sergas a contratar máscaras e equipos feitos na Galiza

O BNG reclama á Xunta que "aposte por contratar con empresas locais as máscaras e outros elementos de protección" contra a pandemia. Nese sentido, pide que as Administracións "apoien as empresas galegas na contratación, primando a calidade sobre o prezo, a creación de emprego e a redución da pegada ambiental que supón traer os produtos desde milleiros de quilómetros de distancia".

Ana Pontón na fábrica de máscaras de Anovada, en Santiago (Foto: Nós Diario)
Ana Pontón na fábrica de máscaras de Anovada, en Santiago (Foto: Nós Diario)

A pandemia "demostrou a importancia de ter empresas que produzan no país para non ter que depender do que deciden fóra", reflexionou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha visita esta quinta feira, 15 de xullo, a unha empresa galega, Anovada, que fabrica máscaras e elementos de protección no polígono do Tambre, en Santiago. 

Desde alí, reclamou ao Servizo Galego de Saúde (Sergas)  que "aposte por contratar con empresas locais as máscaras e outros elementos de protección" contra a pandemia. Nese sentido, pediu que as Administracións, e especialmente a Xunta da Galiza, "apoien as empresas galegas na contratación, primando a calidade sobre o prezo, a creación de emprego e a redución da pegada ambiental que supón traer os produtos desde milleiros de quilómetros de distancia".

A dirixente nacionalista, que recoñeceu o "esforzo" de toda a sociedade galega e da mocidade na pandemia, fixo un novo chamamento a este colectivo para que "manteña a prudencia" mentres non chegue a vacina contra a Covid-19.

Pontón, ante a sentenza do estado de alarma: "Impugna o propio TC, ao servizo da dereita máis reaccionaria"

A portavoz nacional do Bloque tamén se referiu á resolución do Tribunal Constitucional (TC) sobre o primeiro estado de alarma declarado no Estado en marzo de 2020, e que declarou inconstitucional o confinamento. "Creo que esa sentenza a quen impugna é ao propio tribunal, que se volve debuxar como un organismo partidario, ao servizo da dereita máis reaccionaria", manifestou.

A líder nacionalista sinalou que a sentenza "volve pór o foco en que o Tribunal Constitucional é un árbitro de parte". "E a politización que se está facendo do poder xudicial, debe levar a unha reflexión fonda desde o punto de vista democrático, porque isto si que nos afasta dos estándares europeos en democracia", advertiu, en relación á composición dos órganos xudiciais.

Pontón tamén reflexionou sobre que o estado de alarma "foi unha ferramenta útil para salvar vidas", aínda que o BNG "sempre apostou por un estado de alarma descentralizado, en que as medidas que se adoptasen tivese en conta a realidade do noso país".

Rego reclama manter o tren Ponferrada-Vigo

Pola súa banda, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denunciou “un novo recorte dos servizos ferroviarios na Galiza” tras coñecer a decisión do Executivo estatal de suprimir o tren directo entre Ponferrada e Vigo, polo que reclamou que se manteña esta liña así como a recuperación de todas as conexións suspendidas pola pandemia. 

O nacionalista tamén exixiu a dotación de persoal e medios necesarios para manter un servizo ferroviario adecuado, así como a baixada no prezo dos billetes do tren Avant, que conecta as principais cidades da Galiza.

comentarios