Pontón insta Feijóo a que non sexa cómplice dunha censura con "tránsfugas" en Fene

BNG pide ao xuíz que adopte medidas cautelarísimas para anular a moción, asinada polo PP e por 2 concelleiros de Somos Fene.

Avia Veira, Ana Pontón e o presidente do clube financeiro da Coruña
photo_camera Ana Pontón, flanqueada por Avia Vieira e o presidente do clube financeiro da Coruña

A próxima quinta feira está axendada unha moción de censura en Fene formulada polo PP e Somos Fene, unha candidatura municipalista que nas galegas pediu o voto para En Marea, contra o alcalde Juventino Trigo (BNG). Días atrás, Luís Villares -o líder da confluencia- marcou distancias con SF: "Non recoñecemos Somos Fene como parte do noso espazo político".

Para o BNG, a moción é "ilegal" porque estaría apoiada por "dous tránsfugas", sendo que os concelleiros de Somos Fene se apresentaron ás eleccións municipais de 2015 cun partido instrumental cuxos representantes os expulsaron ao coñeceren que irían pactar co PP.

Após a súa expulsión, os concelleiros foron asignados por un acordo plenario ao grupo de non adscritos, o que formalmente lles impediría participar en mocións de censura ao serlles de aplicación a lei anti-transfuguismo. Porén, os 2 edís recorreron a decisión e o xuíz, cunha medida cautelar, lles restituíu os direitos perdidos, co cal puideron asinar a moción de censura. "Están a actuar nunha clara fraude de lei", di Juventino Trigo, en declaracións a Sermos Galiza. "Isto está aínda en mans da xustiza", afirma o alcalde, para quen o asunto non está fechado e o xuíz podería tomar unha decisión antes do pleno -por exemplo, unhas medidas cautelarísimas, un procedimento de especial urxencia- que finalmente impedise a moción ao voltar a outorgar aos concelleiros estatus de tránsfugas.

Esta quinta feira entrou no debate a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen -nunhas declaracións realizadas na Coruña recollidas por Europa Press- interpelou directamente Feijóo para non ser cúmplice do que cualificou como unha moción de censura "ilegal". "O PP está a facer un mestrado de transfuguismo", espetou.

Pontón agarda que o xuíz finalmente "evite que dous tránsfugas podan levar adiante unha moción de censura". "En Fene, hai un goberno municipal que funciona e en fronte del hai unha coligazón con intereses escuros cunha moción ilegal", alegou.

Comentarios