Aínda que el aposte na privada

Pontón garántelle a Feijóo que a súa filla ou fillo terá unha praza na escola pública

Comeza o curso escolar e algúns meios fixeron dun lance da vida privada de Feijóo noticia de campaña. Ana Pontón enlazou ambas cousas cun alegato a prol do ensino público.

Ana Pontón. Acto campaña en Rianxo.
photo_camera Ana Pontón. Acto campaña en Rianxo.

Nun audio facilitado polo gabinete de imprensa do BNG, a súa candidata á presidencia da Xunta, Ana Pontón, parabenizou Feijóo pola súa inminente paternidade, feito que hoxe foi feito público por diversos meios de comunicación, moi posto en destaque pola imprensa amiga do PP. A seguir, e tendo en conta que o evento foi coñecido no mesmo día en que dá comezo o curso escolar, Pontón proclamou que "o BNG vai garantir que todas as nenas e nenos deste país, incluído a filla ou o fillo do señor candidato do PP, terán unha praza no ensino público, e daremoslle a volta á privatización que se viviu nestes últimos 7 anos".

"O BNG", enfatizou, "aposta nun ensino de calidade, público, gratuíto, porque é a garantía de acceso a unha educación de calidade con independencia dos recursos de cada quen. A grande maioría das familias deste país non poden de ningunha maneira asumir o custo de levar os seus fillos a unha gardería, escola infantil ou colexio privado".

Denunciou Ana Pontón que hoxe hai "3.000 familias sen praza" no ensino infantil "no tramo de cero a tres anos"

Denunciou Pontón que hoxe hai "3.000 familias sen praza" no ensino infantil "no tramo de cero a tres anos". Pediu a candidata nacionalista que o 25S se abra un "tempo novo" para o ensino na Galiza "que viu durante estes anos como se recortaban recursos e meios. Hai 2.300 docentes menos no ensino público neste país".

O contraste entre o ensino público e o privado exemplificouno Ana Pontón co dado de que "o señor Feijón fechou 49 escolas públicas, mentres que se criaron 243 aulas no ensino concertado". "O 25S temos a oportunidade de apostar con claridade no ensino público e garantir un futuro de prosperidade para a xente nova deste país", acrecentou.

Comentarios