Sesión de control

Pontón a Feixoo: “Deixe de actuar como conselleiro delegado de Ence”

A vaga de incendios que está a ter lugar no inicio desta primavera é creada “pola súa política forestal ao servizo de Ence”. Así comezaba Ana Pontón, portavoz do BNG no Parlamento, a intervención na sesión de control ao goberno que tivo lugar na mañá da cuarta feira. Feixoo, pola súa banda, afanouse en defender os postos de traballo en Ence.

ponton
photo_camera Ana Pontón, durante a sesión de control

Ence centraba a pregunta do BNG ao presidente da Xunta na sesión de control ao goberno que tivo lugar na mañá da cuarta feira. Pontón, portavoz da forza nacionalista, comezaba a intervención amosando a solidariedade do Bloque coas veciñas que sufriron o grande incendio de Dodro e Rianxo e recoñecendo o labor do servizo de extinción.

Sinalou que a vaga incendios “é aviso do grave problema que crea a súa política forestal ao servizo de Ence”. Unha política forestal “pirómana”, afirmou, que “converte Galiza nunha polvoreira” e que pon en risco vidas humanas. Salientou que vai camiño de ser “o maior problema ambiental do país”.

Nese contexto, emprazou Alberto Núñez Feixoo a “estar ao servizo de Galiza e non ao servizo de Ence”, unha empreso, lembrou, “que privatizou ao Goberno de Aznar a prezo de saldo e que é paradigma das portas xiratorias do PP”. Cualificou ademais de “inmoral” que as persoas accionistas “sigan a gañar cartos a costa da ría de Pontevedra”.

Leu Pontón as palabras proferidas por Feixoo en 2009, cando aseguraba que “non cabe a posibilidade de manter a Ence na ría, non imos dicir unha cousa e facer a contraria”. “Xa vemos canto vale a súa palabra, absolutamente nada”. “Non só non cumpriu a súa palabra, senón que o vimos saltando como unha hidra cando coñecer a decisión da Avogacía do Estado sobre a prórroga de Ence”, engadiu. Tamén lle afeou que o Goberno de Raxoi non solicitase un informe á Avogacía do Estado cando decidiu, en funcións, prorrogar a concesión.

Pontón: “Cambiar as leis para favorecer Ence ten un nome: corrupción”

A este respecto, a portavoz do BNG subliñou que “cambiar as leis para favorecer Ence ten un nome: corrupción”. Reforzou o seu argumento co feito de que “a ningunha empresa lle regalan 600.000 metros cadrados de dominio público, nin se lle perdoan 6 millóns de canon de saneamento, nin se lle permite inzar o noso monte de madeira prima barata e inflamábel”. Foi entón cando lle espetou, “deixe de actuar como conselleiro delegado e lidere o proceso de traslado da pasteira, que é onde vostede ten competencias”.

“O único autogoberno que lle interesa é o dos accionistas de Ence, que gañen cartos poñendo en risco o futuro e o emprego de Galiza”, afirmou Pontón, que chegou a apuntar, “nin o presidente de Ence é capaz de defender os seus intereses como os defenden vostedes”. Por último, puxo de manifesto que “non hai cidade europea que non trasladase a súa industria contaminante”. Ilustrouno cos casos de Barcelona, Londres, Málaga e Bilbo. “Ten tan pouca ambición que cre que o único futuro é ter a ría de Pontevedra contaminada e os montes inzados de eucaliptos”, concluíu Pontón.

Feixoo: "Poñen en perigo milleiros de empregos e o tecido industrial de Galiza"

Sin títuloNa súa resposta, Feixoo agradeceu o labor do servizo de extinción de incendios, que traballaron, asegurou, en 39 lumes, con seis medios aéreos e 600 motobombas. Despois de agradecer ao Goberno de España a mobilización de recurso e a axuda á veciñanza, o presidente da Xunta acusou o BNG de “poñer en perigo milleiros de empregos e o tecido industrial de Galiza”.

A continuación, aludiu ao “grave menosprezo ao autogoberno” e á “falta de respecto” do Goberno central en relación á decisión adoptada pola Avogacía, “soubémolo polos medios”. A respecto do emprazamento de Ence, sinalou que ao PP tampouco lle gusta, “a cuestión é se fechamos ou non”, dixo, tratando de conducir o debate ao feche.

Para eludir o traslado da pasteira do debate, aduciu que Ence consome de auga “o duplo do que consome Pontevedra, Marín, Poio e Sanxenxo, 20 millóns de metros cúbicos”; está próxima a un porto e require dunha potencia eléctrica suficiente, pois “consome máis do duplo do que consome toda a comarca de Pontevedra”.

Na mesma liña, Feixoo asegurou que seguirá a traballar “polos intereses dos traballadores do país, dos propietarios da madeira e por cumprir a lei”.

Comentarios