Pontón exixe a Rodríguez que pare "os bandazos" co inicio do curso

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, considera que os cambios de criterio da Xunta respecto ás condicións da volta á clase no enino secundario son unha "falta de respecto" e demanda "máis recursos" para cumplir cos protocolos e as necesidades.
pontón, bng
photo_camera Pontón, hoxe, na súa visita á Ser. (Foto: Europa Press)

"Vacile" e "falta de respecto". Iso é o que cre a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, os "bandazos" que están a daren a Xunta e a Consellaría de Educación coas instrucións para comezar o curso escolar na Galiza.

Ante unha situación de inestabilidade e "incerteza", Pontón exixiu "máis recursos" para os centros, porque fai falta "máis profesorado" e "reducir as ratios" de estudantes por clase.

Así o comentou nunha entrevista concedida este domingo á Cadena Ser, recollida por Europa Press, na que defendeu que o relevo de Carmen Pomar por Román Rodríguez á fronte da Consellaría de Educación esconde "o recoñecemento explícito do mal que se están facendo as cousas".

"Pero isto non é só responsabilidade da ex conselleira, senón do propio presidente da Xunta, que tivo seis meses para preparar o inicio de curso e agora vemos que hai un novo bandazo. Primeiro, presencial; logo, semipresencial sen saber os centros en que se concreta. Primeiro non se necesitaba máis profesorado, logo si para secundaria... Están a cambiar os criterios constantemente", lamentou.

En todo caso, a voceira pensa que en ningún caso se pode falar de "normalidade" por volver ás aulas, porque isto é "unha ousadía".

Os recortes na sanidade

Preguntada sobre a sanidade do país e a marcha de Jesús Vázquez Almuiña do departamento para deixarlle o posto a Julio García Comesaña, recoñeceu que agarda que esta substitución "non sexa cosmética", senón que sirva para "reverter todos os recortes" que, dixo, perpetrou o PPdeG nos seus máis de 11 anos á fronte da Administración galega.

"Estamos nunha segunda onda docoronavirus e os servizos de Atención Primaria chegan escuálidos despois dunha década de recortes e privatizacións", concretou.

Tamén engadiu que os "casos de transmisión comunitaria" da Covid-19 das últimas semanas se deben a que o equipo de Feixoo "non fixo os deberes": "Non preparou un equipo de rastrexo e non se están localizando os casos", criticou.

Investigar as residencias de maiores

A líder da oposición galega ratificou que, no primeiro pleno da Lexislatura que agora empeza, o BNG proporá que se cree unha comisión de investigación no Parlamento sobre o ocorrido durante a pandemia nas residencias de maiores, que concentran algo máis do 40% das vítimas da pandemia na nazón até o momento.

Consciente de que só sairía adiante se conta co 'si' dos populares, Pontón expón esta iniciativa para que Feijóo e o PP "se retraten" sobre "se van defender a verdade ou se, pola contra, está a Xunta defendendo outros intereses que non sabemos cales son".

Este grupo de traballo permitiría que as familias das vítimas "saiban que pasou", para "que se asuman responsabilidades" e, sobre todo, para "evitar que isto se poida producir no futuro".

Comentarios