Bruxelas acolleu esta terza feira unha xuntanza entre a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a comisaria europea de Cohesión, a portuguesa Elisa Ferreira, a quen a nacionalista trasladou as necesidades da Galiza e as prioridades que estima que deben terse en conta á hora de distribuír, xestionar e aplicar os fondos de recuperación económica, incluídos os Next Generation.
Na reunión, na que tamén participou a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, Pontón defendeu catro cuestións "chaves" para o país".
Así, a nacionalista falou de "xestión descentralizada dos fondos -é dicir, que se xestionen desde a Galiza e non desde Madrid-, que cheguen ao tecido produtivo real, pemes e autónomos; trato preferente para a Galiza nas partidas de transición enerxética para minimizar o impacto da descarbonización, e reforzar servizos públicos e sociais".
"E todo isto baixo unha premisa: que os fondos non se vinculen "a ningún tipo de recorte", engadiu.
“Estamos nun momento de transformacións profundas e é importante que a Galiza reciba un trato xusto para enfrontar con garantías os desafíos de futuro e ese é o obxectivo das propostas trasladadas á comisaria de Cohesión", explicou a nacionalista após o encontro.
Pontón trasladou ademais a satisfacción por compartir coa comisaria a importancia das relacións entre a Galiza e Portugal.